Os procesos de gobernabilidade e a participación na instalación de plantas de enerxías renovables en Galicia
1 Novembro, 2024
Autor: OEGA
0 Comentarios
A finais de Outubro celebrouse na sede do CISPAC, en Santiago de Compostela, a Xornada denominada ‘Os procesos de gobernabilidade e participación na instalación de plantas de enerxías renovables en Galicia’. Organizada polo Observatorio Eólico de Galicia (OEGA), REDS-SDSN Spain, Eudemon e INSTA – Servizos Xurídicos Ambientais, esta actividade constituíu un verdadeiro punto de reunión multisectorial, tendo como centro de atención a actividade de produción de enerxías renovables na nosa Comunidade Autónoma e a diversidade e amplitude das súas implicacións.
O obxectivo desta xuntanza foi a creación dun espazo de diálogo multi-actor, arredor dos procesos de gobernabilidade e participación na instalación de plantas de enerxías renovables. A reunión estruturouse en base a dúas mesas de diálogo de temática específica, que reuniron a distintos sectores implicados, con puntos de vista diverxentes. En paralelo ao diálogo, presentáronse as recomendacións e propostas consensuadas na folla de ruta co-creada durante as sesións da iniciativa ‘Renovables co Territorio’.
Na primeira das mesas, relativa ao diálogo sobre políticas públicas e á colaboración multinivel, contouse coa presencia do Alcalde de Muras, así como de representantes da Xunta de Galicia, da Asociación Eólica Española (AEE), do sindicato CC.OO. e do ámbito empresarial. Neste foro, destacouse a importancia da comunicación das iniciativas enerxéticas á base social desde as etapas máis iniciais de concepción das mesmas, así como a influencia desta comunicación na súa aceptación social.
A segunda das mesas de diálogo dedicouse á participación social. Nela, o representante de Red2Red destacou que os conflitos frecuentemente non teñen que ver con cuestións técnico-económicas senón con problemáticas de carácter psico-social. A representante de ADEGA manifestou que “Galiza está a sufrir unha invasión eólica, ocupando espazos con elevados valores ambientais e con moi baixa participación social”.
A representante de WWF considerou clave partir do emprazamento xeográfico e, particularmente, insistiu na necesidade da planificación das instalacións enerxéticas, que haberá concretarse na definición das áreas prioritarias de desenvolvemento e das áreas de exclusión.
O representante da Asociación Eólica de Galicia estimou que, a pesar de que a enerxía eólica supón unha aportación do 1% ao PIB galego, na nosa Comunidade acumulamos 14 anos de inacción neste sector. Alertou do prexuízo para os investimentos por mor da inseguridade xurídica..
A intervención do Observatorio puxo de relevo que, en certos anos, mesmo máis do 100% da electricidade consumida en Galicia procedeu de fontes de enerxía renovables, apuntando que a conflitividade non se limita ás instalacións eólicas. Sinalou a relevancia da enerxía hidráulica na nosa Comunidade, a cal tamén xerou oposición social. Constatou que a inseguridade xurídica que se padece derívase directamente dos cambios normativos impulsados pola Xunta desde 2009. A anulación do concurso eólico, a eliminación das convocatorias anuais, a esaxerada liberalización do mercado eólico e a non existencia de plans industriais foron apuntadas como razóns de peso para esa inseguridade xurídica e a asociada oposición social.