Explorando o potencial transformador das comunidades enerxéticas en entornos rurais
16 Outubro, 2024
Autor: OEGA
0 Comentarios
Durante unha intensa xornada, o Observatorio Eólico de Galicia foi parte do panel de expertos reunido o pasado 9 de novembro no Instituto de Ciencia e Tecnoloxía Ambientais (ICTA) da Universidade Autónoma de Barcelona (UAB) nun taller de co-creación. Os principais obxectivos do obradoiro eran:
Xerar unha rede de apoio entre persoas que impulsan comunidades enerxéticas no ámbito rural.
Explorar o potencial de transformación das comunidades enerxéticas rurais.
Identificar as barreiras e oportunidades que as comunidades rurais enfrontan na posta en marcha destas iniciativas de enerxía comunitaria.
Validar os resultados dun estudo que se desenvolve no ICTA sobre a distribución espacial de comunidades enerxéticas e a vulnerabilidade dos municipios rurais onde se atopan.
Coa participación de diversos colectivos chegados de moitas Comunidades Autónomas, a discusión alcanzou varias conclusións:
As zonas rurais son cada vez máis vulnerables debido a unha confluencia de desafíos socioeconómicos e ambientais. Na actualidade son máis uns espazos de sacrificio que uns territorios con dinámicas transformadoras.
A pesar deses desafíos e das dinámicas do modelo económico dominante, estes territorios presentan un nicho único para experimentar con iniciativas comunitarias innovadoras que poderían proporcionar solucións a esta precaria situación.
Malia seren diversos os campos para experimentar (sistema alimentario, servizos básicos…), o ámbito enerxético é un dominio con elevadas potencialidades para transformar o rol das sociedades rurais na dinámica económica global.
Especificamente, as comunidades enerxéticas, que moitas veces estenden os seus obxectivos máis aló da promoción de enerxía sostible, promovendo o desenvolvemento comunitario e aspirando a catalizar unha transformación social que transcenda o ámbito dos seus propios proxectos, son unha ferramenta de enorme interese para os espazos rurais.
Nun ambiente aberto e participativo, todas as persoas asistentes contribuíron a definir estratexias que permitan mellorar o coñecemento sobre as iniciativas comunitarias no ámbito da enerxía renovable, resaltando as súas virtudes pero tamén as numerosas barreiras (políticas e económicas) ás que se enfrontan.