OEGA únese á ‘Coalición por la Energía Comunitaria’ para impulsar a transición enerxética xusta e inclusiva
18 Maio, 2024
Autor: OEGA
0 Comentarios
O Observatorio Eólico de Galicia (OEGA) participa na ‘Coalición por la Energía Comunitaria’, proxecto que reforza o impulso da transición enerxética xusta e inclusiva no territorio de España, contando coa colaboración dun gran número de colectivos participantes.
Esta Coalición, de base cidadá, nace co propósito de impulsar a enerxía comunitaria e, en especial, as comunidades enerxéticas ao longo do territorio. Deste xeito, pretende facer da enerxía un dereito e non un ben de mercado, democratizando a enerxía e devolvéndoa á cidadanía. Así, a través dunha ampla colaboración entre diversas iniciativas de comunidades enerxéticas, entidades, colectivos e organizacións, perséguese unha transformación enerxética xusta cara a un futuro completamente renovable en mans das persoas e as comunidades, que faga fronte á crise climática.
Desde a Coalición xa se comezou a desenvolver a actividade a través de diversas propostas entre as que destacan:
Seguimento da transposición das directivas á lexislación española para definir correctamente as “comunidades de enerxías renovables” e “comunidades cidadás de enerxía”, que garantan a participación maioritaria cidadá e de pequenos actores locais.
Impulso da voz cidadá para decisións políticas na transición ecolóxica xusta.
Promoción de proxectos enerxéticos locais e públicos, con membresía voluntaria e aberta e participación democrática.
Intercambio de boas prácticas entre iniciativas de enerxía comunitaria en todo o territorio.
Os obxectivos da ‘Coalición por la Energía Comunitaria’ alíñanse amplamente cos obxectivos propios do OEGA, fortalecendo o avance cara a unha transición enerxética xusta baseada en fontes de enerxía renovable onde a súa xestión estea en mans das persoas, podendo favorecer a participación das comunidades rurais como protagonistas do novo modelo enerxético e ecolóxico. Ademais, a Coalición busca poñer freo ás grandes empresas do sistema enerxético, loitar polo dereito á enerxía da cidadanía e eliminar as barreiras que dificultan a súa participación con equidade.
Outros membros destacados da Coalición son: AeioLuz, Amigos de la Tierra, os Concellos de Cádiz e San Juan del Puerto, Comunidad Energética del Río Monachil, Ecounion, a ‘Plataforma por un Nuevo Modelo Energético’, Sapiens Energía, Som Energia, la Xarxa per la Sobirania Energètica e persoas investigadoras e docentes da Universidade Politécnica de Madrid.