OEGA participa nas xornadas de Oia organizadas polo movemento local en defensa da Serra da Groba
2 Outubro, 2023
Autor: OEGA
0 Comentarios
No día 9 de setembro, o responsable do OEGA participou no encontro titulado “Enerxía eólica en Galicia. Actualidade e porvir”, organizada por Turonio, a Plataforma pola Defensa do Territorio Val Miñor e Baixo Miño.
Celebrada no local da CMVMC de Oia, un edificio rehabilitado con criterios bioclimáticos e autosuficiente enerxeticamente, Xavier Simón participou en representación do OEGA. A súa charla xirou arredor dos efectos económicos da enerxía eólica defendendo a necesidade dun cambio de paradigma. Simón expuxo que deberiamos deixar atrás o actual modelo que produce unicamente poucos beneficios indirectos para a cidadanía local e substituílo por un modelo onde os concellos, o goberno galego e, sobre todo, o tecido empresarial formado polas pequenas e medianas empresas e a cidadanía en xeral se convertan nos eixes centrais do desenvolvemento renovable. O representante do OEGA afirmou que ese novo modelo non require de cambios profundos no marco regulador, unicamente vontade política de apostar por ese modelo. Así mesmo, Simón sinalou que “desde o OEGA estamos a traballar para facer realidade o primeiro parque eólico comunitario en Galicia”, engadindo que a nova xeira que encetou o Observatorio Eólico de Galicia, coa ampliación dos recursos dispoñibles debido a un maior esforzo das Fundacións que o sustentan, permite ter capital humano centrado nesta misión.
A xornada contou coa participación, entre outros, de Aranza González, da Plataforma Aire Limpo As Mariña-Mandeo, Torcuato Teixeira, da Plataforma en Defensa da Pesca e dos Ecosistema Mariños, ou Nely Díaz, de Ecoloxistas en Acción Galiza Atlántica e Verde, que ilustraron aos presentes sobre os principais desafíos que enfrontamos co desenvolvemento eólico en terra e no mar. Así mesmo, desde as comarcas organizadoras participaron Juan Hermida, do Instituto de Estudos Miñoráns, Bruno Centelles, da Rede Galega Stop Eólicos, e Xosé Lois Vilar, de SOS Groba, quen puxeron de manifesta o rigoroso e amplo traballo que moitas organizacións do Val Miñor e do Baixo Miño veñen desenvolvendo nas últimas décadas na defensa do territorio, especialmente da Serra da Groba e dos espazos vinculados aos ríos Miño e Miñor.