Un equipo do Observatorio Eólico de Galicia “peitea” Muras para contrastar o nivel de Xustiza Enerxética no desenvolvemento eólico na Serra do Xistral
28 Xuño, 2019
Autor: OEGA
0 Comentarios
Durante 4 días, o Observatorio Eólico de Galicia recorreu as 8 parroquias murenses na procura de persoas interesadas en participar na elaboración do Cuestionario sobre a Xustiza Enerxética nese Concello da Terra Cha luguesa, encravado en plena Serra do Xistral.
Por que Muras?
Este Concello de 165 quilómetros cadrados e menos de 700 habitantes, conta con 21 parques eólicos no seu territorio (varios compartidos cos concellos limítrofes) e case 400 aeroxeradores. É o concello galego con maior número de aeroxeradores e maior potencia instalada. É un quilómetro cero do desenvolvemento eólico. É case imposible ollar para o horizonte murense e non albiscar aeroxeradores. Do mesmo xeito, é difícil non cruzarse diariamente con media ducia de coches rotulados cos nomes das empresas que xestionan eses parques eólicos.
Por que a Xustiza Enerxética?
Trátase dun novo marco analítico para realizar análises sistémicas do ámbito enerxético. As principais referencias son Sovacool e Dworkin (2015), Mundaca et al., (2018), Jenkins et al., (2016), Heffron e McCauley (2014). Esta proposta analítica parécenos moi atractiva para mellorar o noso coñecemento sobre o desenvolvemento eólico e poder contribuír á mellora das condicións económicas, socias e ambientais desta compoñente enerxética. Desde o OEGA vimos estudando nos últimos meses este novo marco analítico, e pareceunos oportuno testar o nivel de xustiza enerxética especificamente nesta parte do País.
Que tipo de Enquisa?
Trátase de unha enquisa conformada por 20 cuestións pechadas e 1 aberta. Abrangue factores de caracterización da persoa enquisada, e ten 4 grandes bloques: o da xustiza distributiva, o da xustiza procedimental, o da xustiza de recoñecemento e o da transición enerxética. Realizáronse máis de 50 enquisas cunha grande diversidade de axentes. Cada enquisa requiriu entre 45 e 60 minutos.
Para cando os resultados?
Os primeiros resultados serán presentados cando se reúna o Comité Asesor do Observatorio Eólico. Posteriormente realizaranse actividades de divulgación en Muras e outros concellos do Xistral. Así mesmo, realizarase aló menos unha publicación científica.
Jenkins, K., McCauley, D., Heffron, R., Stephan, H., Rehner, R. 2016. Energy justice: A conceptual review. Energy Res. Soc. Sci. 11, 174–182. https://doi.org/10.1016/j.erss.2015.10.004
Mundaca, L., Busch, H., Schwer, S. 2018. ‘Successful’ low-carbon energy transitions at the community level? An energy justice perspective. Applied Energy. 218, 292-303. https://doi.org/10.1016/j.apenergy.2018.02.146