Colaboramos co concello de O Rosal para crear a primeira comunidade enerxética do Baixo Miño
19 Abril, 2025
Autor: OEGA
0 Comentarios
Co liderado do Concello de O Rosal, encabezado pola súa alcaldesa Ánxela Fernández Callís, o Observatorio Eólico e o proxecto EC4RURAL participamos na primeira xuntanza con actores locais para a posta en marcha da primeira comunidade enerxética capitaneada pola cidadanía no concello rosaleiro e na comarca do Baixo Miño.
Nas semanas previas, o Observatorio Eólico de Galicia e os técnicos da Oficina de Transformación Comunitaria do propio concello traballamos conxuntamente para formular unha proposta inicial de modelo de gobernanza comunitaria para esa iniciativa enerxética. Entraron en análise diversas localizacións para as que se estimou a produción eléctrica esperable por medio de instalacións fotovoltaicas. Con esta información específica e co coñecemento acumulado ao longo destes meses de traballo levouse a reunión con actores locais na parroquia de San Miguel. Nesa reunión participaron representantes de diversas organizacións locais como traída de auga, montes comunais, asociacións culturais e a histórica Sociedade de San Miguel.
A principal conclusión da reunión foi que na parroquia de San Miguel danse as circunstancias ideais para poder cristalizar esta primeira iniciativa enerxética comunitaria: hai recursos enerxéticos dispoñíbeis, existe vontade de participación local e o concello pretende continuar coa senda de transformación sustentable encetada hai máis de 5 anos, plasmada nun ambicioso programa de eficiencia enerxética e substitución de enerxías convencionais por renovábeis en todas as instalacións municipais.
Nas vindeiras semanas realizarase o primeiro paso para a constitución formal da comunidade enerxética de O Rosal.