Enorme interese no avance da transición enerxética local en Baroña
20 Febreiro, 2025
Autor: OEGA
0 Comentarios
O 19 de febreiro, o Observatorio Eólico de Galicia (OEGA), participou nunha actividade de sensibilización e asesoramento á comunidade local de Baroña, no Porto do Son, para o avance da transición enerxética controlada por as persoas e os actores locais. Este acto, organizado Comunidade de Montes de Baroña contou ademais co apoio do Laboratorio Ecosocial do Barbanza, dos Centro de Investigación Interuniversitaria das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC) e do grupo de investigación Histagra (USC).
O encontro foi dinamizado por Xavier Simón, catedrático de Economía Aplicada na Universidade de Vigo e responsable do OEGA. Compartíronse cos presentes as claves para o desenvolvemento de comunidades enerxéticas: a existencia de recursos naturais, dispoñibilidade de tecnoloxía accesible, a presenza de cidadanía enerxética e o amparo dun marco regulador destas iniciativas. Destes elementos clave derívanse aspectos clave que tamén foron tratados durante a xornada. Por unha banda, é necesario definir o modelo de negocio, un conxunto de decisións específicas para cada caso. Por outra banda, requírese crear o conxunto de relacións externas da iniciativa local: coa distribuidora, coas comercializadoras, con outras iniciativas cooperativas, co goberno local, co goberno autonómico e co goberno español.
Máis de 80 persoas asistiron á xornada
A actividade de asesoramento que dinamizou o OEGA mostrou o enorme interese que ten a transición enerxética na comarca do Barbanza. Moitas familias estaban presentes, tamén varias empresas locais, así como organizacións do terceiro sector.
En Porto do Son existen case 36 MW instalados en parques eólicos para producir electricidade renovable por medio dos máis de 50 aeroxeradores alí asentados. A produción de electricidade nestes parques eólicos multiplica por 3 o consumo medio de todos os sectores en Porto do Son. Simón preguntou canta desa enerxía ou cantos dos ingresos derivados dese negocia fican en Porto do Son. As persoas presentes, de forma unánime, salientaron que a comunidade local é unha convidada de pedra ao negocio eólico que fan empresas externas e multinacionais cos recursos renovábeis dispoñíbeis.
A aposta por comunidades enerxéticas controladas pola cidadanía é unha alternativa real para transformar a natureza da transición enerxética, ata agora dominada polos mesmos actores que abusaron dos combustíbeis fósiles que emitiron millóns de toneladas de CO2. Así mesmo, resultan unha oportunidade para pór en valor novos obxectivos sociais, como é a suficiencia de recursos fronte ó universal crecemento.
Apoio ás comunidades locais
O Observatorio Eólico de Galicia continuará a prestar actividades de asesoramento ás comunidades locais. O OEGA é un think tank da Universidade de Vigo sobre transición enerxética xusta que pode realizar estas actividades debido ao apoio da Fundación Isla Couto, da Fundación Juana de Vega e da Fundación Paideia Galiza.