A xornada Comunidades enerxéticas e iniciativas comunitarias. O ecosistema galego serviu para facer unha posta en común das propostas que se levan a cabo dende diferentes ámbitos para impulsar esta transición controlada pola cidadanía, os concellos e as pequenas e medianas empresas locais.
A xornada estaba organizada polo Observatorio Eólico de Galicia, e contaba coa colaboración do Centro Interuniversitario de Investigación das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC), a Universidade de Vigo e o proxecto EC4Rural, entidades todas elas “aliñadas para traballar no desenvolvemento da transición enerxética dende o ámbito comunitario e sobre todo no medio rural”.
No evento, celebrado na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, déronse cita iniciativas e actores esenciais do ecosistema enerxético galego en clave comunitaria como o INEGA, as oficinas de transformación comunitaria, entidades locais, concellos, deputacións, comunidades de montes e proxectos europeos con participación galega, entre outras iniciativas.
A xornada arrancou co relatorio de José Ángel Abad, xefe da Área de Aforro e Eficiencia Enerxética do INEGA quen repasou as principais características do sistema enerxético en Galicia, a Axenda Enerxética de Galicia 2030 e os detalles da Convocatoria de planificación enerxética de entidades locais e comunidades enerxéticas.
Na mesa redonda con representantes das oficinas de transformación comunitaria da Deputación de Pontevedra e do Concello do Rosal, púxose énfase na necesidade de facer un asesoramento particularizado para cada caso, dependendo das condicións sociais, económicas e ambientais de cada iniciativa.
No debate sobre iniciativas colectivas para o desenvolvemento rural, coa participación de Jose María Lago, delegado nas áreas de Medio Ambiente e Enerxía da Deputación de Ourense, e de Susana Rodríguez, presidenta de Galeosol SCG, chamouse a atención sobre a necesidade de que as autoridades locais usen recursos propios para fomentar a transición enerxética. Neste sentido, o alcalde de Vilasantar e a alcaldesa de Moeche incidiron nos seus respectivos proxectos municipais de transición enerxética topándose ambos nun nivel de madurez relativamente avanzado ao estar constituída a entidade xurídica que vai desenvolver a instalación enerxética colectiva. O mesmo ocorre no concello de Muíños, que conta cun financiamento aprobado por parte do IDAE. Finalmente, o concello de Xeramde presentou a súa iniciativa XERando, unha comunidade enerxética tamén constituída e que conta co financiamento da FEGAMP a través do proxecto CEL RURAL para unha instalación fotovoltaica que estará executada antes de fin de ano.
A sesión vespertina iniciouse coa presentación de 4 proxectos europeos con presenza galega: Adelalix, Cel Rural, Comenerg e EC4Rural. Neles búscanse solucións tecnolóxicas acaídas para as circunstancias sociais específicas de cada territorio. Son proxectos cunha clara natureza transfronteiriza ou internacional.
Na mesa protagonizada polas Comunidades de Montes Veciñais en Man Común ficou moi claro o potencial que estas entidades de acción colectiva teñen apra liderar a transformación comunitaria do rural galego. Fíxose público que a comunidade enerxética de A Reigosa, en Ponte Caldelas, é unha realidade converténdose, despois da iniciativa da Illa de Arousa, na segunda comunidades enerxética galega conectada á rede. Pola súa banda, as CMVMC de Buchabade, en Ponte Caldelas, e a de Tameiga, en Mos, mostraron como a solución do autoconsumo colectivo con compensación de excedentes pode ser unha alternativa cando aparecen atrancos xurídicos para o desenvolvemento de comunidades enerxéticas. Pola súa banda, a CMVMC de Froxán, en Lousame, salientou as dificultades que as distribuidoras poñen para conceder as autorizacións que estas instalacións requiren. Tamén fixo partícipes aos presentes do feito de ser Froxán a primeira experiencia galega exitosa no ámbito da mobilidade eléctrica compartida.
O repaso ás iniciativas de Moña Solar, na península do Morrazo, e a exposición de E.nova de iniciativas comunitarias das terras do Xallas e da Barcala serviron para mostrar que a transición enerxética controlada pola cidadanía debe incluír tanto ás explotacións gandeiras como aos actores locais de concellos cun alto nivel de urbanización, como é o caso de Moaña.
Primeiro parque eólico comunitario de Galicia
A xornada serviu tamén para lanzar o proceso social para a posta en marcha do primeiro parque eólico comunitario de Galicia. Como se explicou durante a intervención de Xavier Simón “despois dun ano con contactos previos, o OEAGA lanza o proceso social para a captación de apoios para a posta en marcha do Parque Eólico Comunitario Quiñón do Ar, que consistirá nun único aeroxerador de 4,2 MW”. Esta acción insírese como un dos principais resultados do traballo desenvolvido desde o Observatorio Eólico de Galicia. Para iso, varios investigadores da UVIGO impulsan a creación dunha empresa de base cooperativa a partir dos resultados da súa investigación.
O parque estará situado no concello de A Lama, previo acordo cos propietarios das terras, e realizarase un investimento de arredor 6 millóns de euros, resultado das achegas ao seu capital social por parte de todos os interesados en ser partícipes dun parque eólico, en producir a electricidade que consumen sen emitir CO2 e en contribuír a mostrar que existen formas alternativas de xestionar os recursos naturais que existen no rural. O proceso social lanzado quere chegar á cidadanía interesada, ás Comunidades de Montes Veciñais en Man Común, aos concellos e ás pequenas e medianas empresas. Pero tamén á Xunta de Galicia ao considerarse que esta iniciativa encaixa perfectamente co recollido na recentemente aprobada Lei 2/2024, do 7 de novembro, de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia. Nesta Lei a Xunta abre a porta a ser parte do capital social de iniciativas como a do Parque eólico comunitario Quiñón do Ar.
Todas as persoas e entidades interesadas nesta opción poden dirixirse a este e-mail (enerxia.comuniatria@uvigo.gal)