Comunidades enerxéticas e iniciativas comunitarias. O ecosistema galego
18 Outubro, 2024
Autor: OEGA
0 Comentarios
Baixo ese título, o Observatorio Eólico de Galicia organiza unha xornada de información e debate que terá lugar o xoves 21 de novembro. Celebrarase no Salón de Graos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Vigo.
O programa conta coa participación do Instituto Enerxético de Galicia, principal entidade pública no apoio ás iniciativas de comunidades enerxéticas en Galicia. Das 5 Oficinas de Transformación Comunitaria existentes en Galicia, contaremos con dúas: a da Deputación de Pontevedra e a do Concello de O Rosal.
Así mesmo, a Deputación de Ourense, coa participación de Jose María Lago Cabo, Deputado delegado das áreas de Medio Ambiente e Enerxía, explicará o seu innovador programa de apoio aos concellos rurais que avanzan na transición enerxética. A cooperativa galega Galeosol avanzará conceptos e procesos sobre os servizos enerxéticos para o rural.
Dos moitos concellos galegos que están a traballar cóbado con cóbado coa cidadanía e as pequenas e medianas empresas, a xornada contará con catro exemplos: os concellos de Vilasantar, Moeche, Xermade e Muíños.
Nos últimos anos, numerosos organismos públicos e entidade privadas, incluídas empresas do sector, captaron fondos europeos para desenvolver proxectos de investigación e transferencia no ámbito das comunidades enerxéticas. Para tratar este tema contarase cos proxectos ALDEALIX, CEL RURAL, COMENERG e EC4RURAL. Este último coordenado pola Universidade de Vigo e do que forma parte o Observatorio Eólico de Galicia.
A tradición comunitaria en Galicia é dabondo forte e está moi estendida. Incorporamos tamén varias iniciativas vinculadas coas Comunidades de Montes Veciñais en Man Común: A Reigosa (Ponte Caldelas), Tameiga (Mos) e Froxán (Lousame). Así mesmo o proceso de transición comunitaria en Mazaricos, unha das zonas de maior actividade gandeira de Galicia, será tratado por Xurxo López, da empresa E.nova. Finalmente, a incipiente experiencia de Moaña Solar tamén será debatida.
Como colofón á xornada, o Observatorio Eólico de Galicia presentará o lanzamento do primeiro parque eólico comunitario en territorio galego (ENERCOM). Despois de máis de un ano traballando na configuración tecnolóxica, territorial e xurídica desta iniciativa, aproveitarase esta xornada para lanzar o proceso de configuración da base social e comunitaria para desenvolver o que será a primeira iniciativa deste calibre na Comunidade Autónoma de Galicia.
Se precisas máis información, escríbenos aquí: observatorio.eolico@uvigo.gal
É necesaria unha inscrición para asistir ao evento. Usa este enlace.