O pasado sábado 28 de setembro, o OEGA participou no encontro estatal “Comunidades Enerxéticas contra a Vulnerabilidade” organizado pola Plataforma por un novo modelo enerxético. Unha iniciativa cidadá que defende a transición cara un modelo enerxético socialmente xusto e ambientalmente sostible.
O encontro celebrouse na Ecooo, espazo comprometido coa promoción dun modelo enerxético renovable, sostible e distribuído en mans da cidadanía. Reuniu a destacadas entidades como á propia Plataforma por un Novo Modelo Enerxético (Px1NME), a Coalición por la Energía Comunitaria, Oficina de Transformación Comunitaria Ecooo, OTC EMSV Getafe: Comunidad Energética Getafe, Comunidad Energética Garesbide, Institucional Seo Birdlife: Autoconsumo compartido en el barrio de Vallecas en Madrid, Comunidad Energética Torreblanca Ilumina en Sevilla, Comunidad Energética Catarroja en Valencia, Comunidad Energética La Bordeta en Barcelona e a Comunidad Energética Energía Bonita en La Palma.
A participación do OEGA, totalmente aliñada cos obxectivos do proxecto EC4RURAL, subliña o noso compromiso coa participación cidadá e a inclusión de colectivos vulnerables no desenvolvemento de comunidades enerxéticas sostibles. Recoñecendo que a transición enerxética só será xusta e efectiva se se constrúe dende a cooperación activa de todas as persoas. Ademais, valora a importancia de tecer redes entre proxectos e iniciativas existentes, fomentando un intercambio de coñecementos que fortaleza o impacto colectivo e permita alcanzar solucións máis eficientes e equitativas fronte á crise enerxética.
O encontro organizouse a través de tres espazos de debate. Unha primeira mesa de debate en torno ó marco europeo das CE sobre as posibilidades que ofrecen para colectivos vulnerables. A segunda mesa xirou en torno a experiencias de CE para paliar a pobreza enerxética, abordando a participación e a inclusividade deste tipo de iniciativas dende as administracións, organizacións do terceiro sector e a cidadanía. Finalmente, realizouse unha dinámica por grupos de traballo, que tivo como obxectivo sintetizar as aprendizaxes do encontro a través de tres bloques temáticos: propostas destacadas do encontro, medidas que se botan en falta e o papel da administración en torno ás CE.
No marco do Encontro, o Observatorio Eólico de Galicia obtivo importantes aprendizaxes que reforzan a súa misión de fomentar unha transición enerxética xusta e inclusiva. En primeiro lugar, destacouse que as comunidades enerxéticas non só son unha ferramenta técnica para a xeración e xestión de quilovatios, senón que tamén constitúen un espazo interrelacional cunha forte dimensión social, funcionando como plataformas de pedagoxía enerxética e transformación comunitaria. Ademais, estas iniciativas permiten visibilizar as deficiencias do modelo eléctrico actual, que precariza e vulnerabiliza a sectores amplos da poboación, posicionándose como un altofalante para reivindicar o dereito á enerxía como un ben básico.
Outro aspecto clave é o risco de que grandes empresas coapten o concepto de comunidade enerxética, o que subliña a necesidade de consolidar comunidades enerxéticas que operen de forma autónoma e verdadeiramente inclusiva, evitando prácticas que instrumentalicen ás persoas ou recorran a visións asistencialistas. Fíxose evidente que o éxito destas iniciativas depende dun traballo multidimensional, no que a participación activa da cidadanía é fundamental, xa que permite que as CER se constrúan dende abaixo, cun enfoque inclusivo que responda ás súas propias necesidades e aspiracións. Ademais, involucrar a sectores como ós concellos e os servizos sociais resulta crucial para mapear ás persoas en situación de vulnerabilidade e canalizar a súa integración nas comunidades enerxéticas.
Así mesmo, identificouse a necesidade urxente de contar con persoas especializadas en facilitación e dinamización, esenciais para promover a participación social activa e manter a cohesión dentro das comunidades enerxéticas, evitando que estas iniciativas se desintegren.
Finalmente, sublíñase a importancia de promover a participación a través de unidades de convivencia en lugar de facelo a través de contratos individuais (CUPS), combatendo así a fenda de xénero que a miúdo limita a participación aos titulares do servizo, na súa maioría homes. Insístese na capacitación e formación colectiva como piar fundamental para unha toma de decisións democrática e equitativa no seo das comunidades enerxéticas, así como na xeración de boas prácticas que se consoliden como referentes e propicien o intercambio de saberes entre as CE. Por último, destácase a relevancia de establecer un fondo de solidariedade que permita ás persoas con menos recursos integrarse plenamente nas iniciativas, cubrindo os custos de entrada e garantindo así unha verdadeira economía social.
O OEGA e o proxecto EC4RURAL traballamos conxuntamente en todas esas liñas, establecendo alianzas con terceiros e promovendo iniciativas de transición enerxética que sexan inclusivas e igualitarias.