Veciñas de Melide, impulsando unha comunidade enerxética baixo o seu control
1 Agosto, 2024
Autor: OEGA
0 Comentarios
O Observatorio Eólico de Galicia participou nunha acción de posta en común dos obxectivos veciñais para constituír a Comunidade Enerxética de Melide (CEM), na provincia de A Coruña. Coia participación de Xosé Iglesias, concelleiro de urbanismo de Melide, de Luís Arosa, alcalde de A Illa de Arousa, Xosé Manuel Golpe, da Asociación Galega de Comunidades Enerxéticas e de Pedro López, voceiro da Comunidade Enerxética de Melide, o diálogo entra as partes deixou patente a fortaleza da proposta local para desenvolver unha iniciativa comunitaria para producir enerxía eléctrica.
O concello de Melide, en palabras do seu representante, manifestou o apoio do concello a este iniciativa estando á espera de que os servizos administrativos finalicen a tramitación do expediente polo cal se ceda una nave municipal para a instalación e se decida sobre a participación do concello na CEM. O alcalde da Illa de Arousa compartiu a súa experiencia como primeiro, e ata agora único concello galego, cunha instalación comunitaria de produción eléctrica da que a institución local é parte. Pedro López e X. M. Golpe incidiron na natureza local, democrática e transformadora da iniciativa de Melide e de outras moitas que nestes momentos se desenvolven en moitas aldeas de Galicia. Finalmente, Xavier Simón en representación do Observatorio defendeu o modelo comunitario de transición enerxética como unha ferramenta fundamental para avanzaren termos de xustiza, facendo protagonistas desa transición ás comunidades rurais. Así mesmo, sinalou que, dada a súa natureza innovadora e transformadora, o avance das comunidades enerxéticas do rural require de dar pasos curtos e firmes, no sentido de definir modelos de negocio asumíbeis polas comunidades locais e realizábeis no curto prazo.
Un frutífero diálogo foi aberto a continuación. Todas as voces locais mostráronse aliñadas para continuar avanzando no proceso de transformación enerxética de Melide, facendo especial fincapé en que o modelo que se necesita para iso non é o dos grandes investimentos realizados por compañías alleas ao rural senón iniciativas de pequeno e mediano tamaño gobernadas e controladas pola propia cidadanía.