Organizada pola Plataforma Vendaval Costa de Morte, coa colaboración do Concello de Vimianzo, o OEGA participou nunha charla informativa sobre os aspectos económicos do parque eólico Monte da Croa.
Para as comunidades de Vimianzo a eólica non é descoñecida. Con case 130 MW instalados en 5 parques eólicos, Vimianzo é o concello de A Coruña con más potencia instalada nestes momentos, só superado polos concellos lugueses de Muras, Abadín e Ourol. Entre os parques de Vimianzo están Monte Redondo, cuxa autorización para repotenciamento está pendente despois de ter obtido unha declaración de impacto ambiental favorable, e Barrigoso, un parque eólico singular pertencente ao propio concello. Ata 2019 a potencia eólica instalada en Vimianzo situábase nos 52,5 MW. Desde 2019, cos parques eólicos Miñón e Tourado-Eixe, e desde o 2022 co parque eólico Tourado, a potencia sitúase arredor dos 130 MW.
Na reunión da pasada semana, o OEGA compartiu cos presentes a facturación estimada polos parques eólico de Vimianzo ata o día de hoxe. Se ben ata 2019 a facturación dos parques eólicos de Vimianzo se situou arredor de 12 millóns, a partir dese ano produciuse un incremento espectacular alcanzando os 45 millóns de euros en 2022. Esa facturación alcanzouse incluso con reducións da produción eléctrica.
O parque eólico Monte da Croa está autorizado pola Xunta de Galicia desde hai uns meses e ten solicitada a declaración de utilidade pública. Contará con 7 aeroxeradores que totalizarán 27 MW de potencia instalada. A área de varrido será de 14.500 metros cadrados, ocorrendo a unha altura a punta de pa de 180 metros. Cun investimento de case 28 millóns de euros, estímase unha produción anual de case 95 GWh, o que suporá unha produtividade de case 3.500 horas anuais nunca antes alcanzada nestas terras de Soneira.
A empresa está ofertando unhas condicións económicas bastante afastadas da media galega e moi lonxe dos contratos máis beneficiosos que se están a asinar nestes últimos meses. O pleno dominio e os vieiros son ofertados a un pagamento anual de 0,95€ por metro cadrado, mentres que as servidumes a 0,47€ por metro cadrado. Se consideramos a relación de bens e dereitos afectados como a cantidade de terra que o empresa está disposta a indemnizar, o total dos pagamentos serían de 182 mil euros o primeiro ano. Se estimamos a facturación do parque eólico de acordo cos prezos da electricidade, aquela renda para as propietarias situaríase entre o 1,12% da facturación (cos prezos de 2022) e o 3,70% (cos prezos de 2020).
Durante a actividade de asesoramento, o OEGA manifestou que as afeccións territoriais deste parque eólico alcanzarían más de 90 hectáreas, cando consideramos o cambio de cualificación urbanísticas que se producirá, e 775 hectáreas ao calcular as zonas de exclusión de competidores. Esas dúas afeccións son reais pois a súa aplicación está lexislada na Lei 8/2009 que regula o aproveitamento eólico en Galicia. E consecuencia desas afeccións as propietarias de Vimianzo e Dumbría, o concello onde se situará a subestación e pola que discorrerán parte das afeccións, perderán dereitos presentes e futuros. Sen embargo, na relación de bens e dereitos afectados a empresa promotora só inclúe 23,56 hectáreas.
O Observatorio mostrou os números que son comúns nos contratos asinados nalgúns últimos meses en Galicia. O máis significativo é o prezo anual de 1,36 € por metro cadrado para o pleno dominio e 0,85 para as servidumes. Pero ademais, hai empresas que están pagando desde o momento da sinatura dos contratos, sen agardar nin ao inicio das obras nin á posta en marcha do parque eólico. Por outra parte, a facturación fixa do 2,75% como parte para os propietarios tamén está a ser unha opción atractiva.
OEGA defende sempre que é necesario negociar conxuntamente as condicións dos contratos, fuxindo de acordos individuais que sempre benefician á promotora e perxudican ás comunidades locais. Así mesmo, recoméndase que o concello sexa a entidade que aglutine todos os intereses locais e incida nunha negociación colectiva. O feito de considerar un contrato con cláusulas de salvagarda, como o deseñado polo OEGA, para os intereses da veciñanza tamén é de suma importancia.
A nosa insistencia sempre vai na dirección de fortalecer a posición das comunidades rurais, sen que iso impida o desenvolvemento do parque eólico. Se hai empresas que pagan desde o principio e que desembolsan cantidades moito maiores, incluso con horas de funcionamento menores, é que as contas empresariais dan para unha participación máis xusta das comunidades locais.
A veciñanza local debe saber que os parques eólicos chegan ás nosas aldeas para ficar nelas durante toda a vida. As decisión veciñais precipitadas e urxentes non son boas conselleiras. E se a cidadanía rural se mantén unida e negocia conxuntamente as oportunidades de mellorar os resultados para as comunidades locais son moito maiores.