Nova publicación do OEGA: unha revisión da dinámica eólica en Muras
10 Marzo, 2022
Autor: OEGA
0 Comentarios
Unha colaboración entre o Observatorio e o Concello de Muras deu lugar á nosa última publicación: un libro titulado “Enerxía eólica en Muras: análise do seu impacto territorial, económico, ambiental e enerxético” . Neste texto de 150 páxinas os investigadores do OEGA Simón Fernández e Montero Muñoz debullan con amplo detalle as principais compoñentes do desenvolvemento eólico en Muras, incidindo en aspectos económicos, ambientais e territoriais.
O libro conta cun detalle significativo a nivel de parque eólico, presentando mapas para cada un dos 19 parques eólicos que se asentan total ou parcialmente no concello murés. Neses mapas, ademais da información enerxética, recóllense afeccións ambientais, urbanísticas e as delimitacións das zonas de exclusión de competidores. Como principal novidade, destacan os resultados dunha enquisa realizada á cidadanía local para valorar as súas percepcións sobre a enerxía eólica.
O libro só existe en formato físico. É propiedade do Concello de Muras, quen o repartiu entre seus veciños e entidades sociais. Así mesmo, foi depositado nas principais bibliotecas universitarias galegas.