Accesíbeis os vídeos do Seminario marco xurídico e parques eólicos
3 Agosto, 2021
Autor: OEGA
0 Comentarios
Organizados polo Observatorio Eólico de Galicia, durante tres venres do mes de xullo celebráronse tres sesións telemáticas sobre os aspectos xurídicos mais salientábeis vinculados co desenvolvemento eólico en Galicia. Agora xa están dispoñíbeis os vídeos que recollen integramente as intervencións así como o debate posterior entre o público e os poñentes. Todos os vídeos están dispoñíbeis aquí.
Impacto territorial dos parques eólicos
O venres 9 de xullo, dentro da temática da análise xurídica do impacto territorial, participaron Carlos Alberto Amoedo Souto, Profesor de Dereito Administrativo na Universidade de A Coruña, e Manuel González Sarria, enxeñeiro agrónomo cunha longa experiencia na estudo do impacto territorial das infraestruturas vinculadas cos parques eólico. O profesor Amoedo Souto tratou o estado da cuestión do impacto dos proxectos eólicos sobre o patrimonio cultural galego: un estado da cuestión. A seu texto está dispoñible neste enlace. Pola súa banda, Manuel González enfocou a súa intervención nunhas interesantes reflexións sobre as terras agrarias e como avalialas máis alá dos seu carácter rústico.
Valores ambientais e valores económicos nos parques eólicos
A segunda sesión celebrouse o día 16 de xullo, e contou coa participación de Alba Nogueira, Catedrática de Dereito Administrativo da Universidade de Santiago de Compostela. A profesora Nogueira tratou o tema “Ambiente e parques eólicos: prevalencia de usos e impacto ambiental sobre o territorio”. Tamén realizou unha intervención o responsábel do OEGA, Xavier Simón. Esta intervención non pretendeu responder preguntas senón lanzalas para que o notable público as puidera responder: “Preguntas sobre incidencia territorial dos parques eólicos en Galicia” foi o título dado polo profesor Simón a súa palestra.
Finalmente, o 30 de xullo, o Seminario finalizou coa presentación de varios estudos de caso. En primeiro lugar, tivemos a ocasión de escoitar a intervención de Victoria Fernández Armesto, xestora e copropietaria de Casa Grande de Xanceda. A súa intervención xirou arredor do macroproxecto Ordes-Curtis.
Así mesmo, Xoán Antón Pérez Lema, socio en Pérez Lema Avogados e Consultores. A súa intervención, froito da súa experiencia profesional, versou sobre a defensa do territorio, do patrimonio cultural, do ambiente e da economía local como límites á produción eólica na Galicia.
O Seminario contou con máis de 70 asistentes procedentes de moi diversos ámbitos sectoriais. Así mesmo, participaron persoas e colectivos de varias Comunidades Autónomas. Todas as preguntas e reflexións asociadas co Seminario están dispoñíbeis no enlace sinalado ao principio desta nova.