O OEGA organizou unha mesa redonda coa participación do poder municipal. A idea era aportar a perspectiva local galega respecto a transición enerxética.
Foron tres os rexedores que nos achegaron a visión dos seus Concellos: Fernando Pérez, alcalde do Concello de Vilasantar, do PP; Mariano Iglesias, alcalde de Mesía, do PSOE e Manuel Requeijo, alcalde de Muras, do BNG.
Contexto
Fernando Pérez é rexedor do Concello de Vilasantar dende o ano 2011. Está situado na comarca de Betanzos (A Coruña), a media hora das principais cidades galegas do Norte (Lugo, Coruña e Santiago de Compostela). Conta cunha superficie aproximada de 60 km², divídese en sete parroquias con arredor de 100 núcleos de poboación que suman 1.215 veciños e veciñas. Ten un relevo suavemente elevado cunha altura media de 500 metros. A nivel económico destaca a actividade gandeira e madeireira, con plans de cultivo a desenvolver nalgunhas das súas parroquias. Houbo varios intentos de instalar enerxía eólica pero, a día de hoxe, aínda non conta con aeroxerador ningún
Historia enerxética
A historia enerxética en Vilasantar comeza no ano 2012, cando se pretendía instalar o Parque Eólico Corda Cruceiro, da man da empresa Fenosa Wind S.L.
Nese mesmo ano, dende o Concello créase unha comisión negociadora integrada por membros de todos os partidos políticos da corporación, por propietarios afectados, por veciños e por gandeiros, entre outros interesados. A través desta comisión negociadora veláronse polos intereses do territorio. O seu traballo e coordinación levou a formular alegacións e suxestións presentadas ao proxecto de execución, ao proxecto sectorial e ao estudo de impacto ambiental.
Comezaron a negociar coa promotora as contraprestacións pola ocupación dos terreos, chegando a redactar un contrato de arrendamento para os propietarios. Tamén crearon un convenio de colaboración entre Concello e empresa na que se recollían as condicións en materia de protección medio ambiental, de dinamización do rural, de dotación de infraestruturas, de obrigas económicas e de melloras sociais. Dentro destas materias, destacaba o acordo de redución nun 30% anual dos custes da factura eléctrica aos habitantes de Vilasantar. Ademais o convenio recollía axudas económicas para actos culturais e educativos, para o apoio á agricultura ecolóxica e tamén para o banco de alimentos do concello. Así mesmo, a empresa comprometíase a realizar contraprestacións para compensar os “tecores” ( titulares de terreos cinexéticos ordenados). Como parte máis significativa, no convenio figuraba a obriga da empresa para compensar os gastos de illamento das vivendas (fiestras, etc) situadas no radio de un quilómetro dos aeroxeradores co fin de mitigar a contaminación acústica.
Sen embargo, no ano 2014 a promotora desiste da instalación do Parque Eólico Corda Cruceiro, así como doutros catro, debido a falta de viabilidade económica. A promotora escudouse no novo marco regulatorio que definía a retribución da xeración eólica (primas).
Con todo, houbo un segundo intento en 2018, neste caso pola man da empresa Green Capital Power, que tentou montar o Parque Eólico Lavandeira, só chegando a realizar a fase de consultas na avaliación ambiental. O documento presentado pola promotora carecía de rigor, pois limitábase a un “corta e pega” doutros documentos, con graves erros sobre o coñecemento do territorio de Vilasantar. Tamén esta promotora desistiu da instalación deste parque xunto con outros dous, alegando a oposición social derivada da proximidade ás casas e dos efectos negativos para as explotacións gandeiras.
A perspectiva sobre a enerxía eólica
Na actualidade existe un novo intento de instalación eólica en Vilasantar: o Parque Eólico Abrente, tamén pola empresa Green Capital Power. Atópase aínda nunha fase inicial, a de consultas na avaliación de impacto ambiental, “curiosamente presentado durante o período de alarma” segundo palabras do rexedor.
O rexedor de Vilasantar aclara que tanto os seus habitantes como os entes locais están sen ningunha dúbida a favor das enerxías renovábeis, e en concreto da eólica. Pero isto “non implica aceptar calquera proxecto que non considere as características do territorio”.
Vilasantar carece de costa ou montañas abruptas, polo que os proxectos presentados ata o de agora pretendían asentar a súa maquinaria eólica en terreos de prado, cultivo ou reforestadas recentemente e dedicadas a actividade madeireira; polo tanto, son zonas de plena actividade diaria, vivas e de paso diario dos habitantes. Ademais son zonas a escasos metros das casas. Neste punto, Fernando sinala directamente “a unha normativa galega invariable que non contempla un aumento no que a distancia dos núcleos se refire, mentres que si se ve incrementada a altura dos aeroxeradores a instalar, o diámetro do rotor e da súa produtividade”.
Especificamente, o alcalde afirma que “falamos dunha normativa intacta durante os últimos 15 ou 20 anos, cando os muíños rondaban os 60 metros de altura, cunha potencia unitaria media de 0,95 MW; mentres que os aeroxeradores contemplados nos proxectos actuais alcanzan os 200 metros e unha potencia de 3,45 MW”
Tamén sinala os efectos sobre as actividades gandeiras. E indica “moitos dos terreos do concello de Vilasantar que se consideran afectados nestes proxectos forman parte da Política Agraria Común (PAC), polo que deixarían de ocuparse para este uso económico pola ocupación de pleno dominio uns, e polo cambio de cualificación urbanística outros; deixando de optar a axudas da PAC”.
Por todo o anterior, a actitude da veciñanza respecto a estes proxectos eólicos, xera unha percepción das enerxías renovábeis moi similar a doutros proxectos eléctricos, e que o alcalde resume nas seguintes palabras: “codicia, opacidade e abuso de poder”. Unhas sensacións derivadas da falta de información, da posición dominante e dos abusos das empresas.
Debido a todo isto, Fernando Pérez opina que se fai necesaria a unión de todos os axentes que se atopan enfronte das promotoras. Ademais, dende o seu punto de vista, o papel das administracións tamén é crucial no sentido de axudar a que as comunidades rurais participen nos proxectos.
Así mesmo, declara que dende Vilasantar non se opoñen á eólica por unha alta densidade de muíños, que non é o caso dos proxectos presentados para este territorio betanceiro, senón pola ausencia de acercamento previo por parte das promotoras ao territorio destinatario do seu proxecto.
Conclusión
Esixen poder participar na planificación e desenvolvemento da enerxía eólica no seu concello, involucrando á poboación e axentes locais no seu desenvolvemento, e sobre todo na toma de decisións, o que melloraría a aceptabilidade e permitiría ter unha maior percepción da eólica, e das enerxías renovábeis en xeral. Opina que é preciso que estas enerxías conten co apoio social; cada vez máis a enerxía final bruta procede deste sector, polo que hai que percibir esta enerxía como beneficiosa na loita contra o quecemento global. Polo que defende a necesidade de atopar un compromiso entre o seu desenvolvemento e o mantemento da calidade de vida dos territorios aos que afectan, o que se conseguirá se entramos nunha etapa de participación social no desenvolvemento eólico.
Polo tanto, o rexedor de Vilasantar conclúe que a percepción do seu territorio e en particular da entidade local respecto a eólica, dependerá de si lles permiten ser axentes activos do proceso co fin de permitir e facer que o eólico forme parte do desenvolvemento rural.
A intervención global de Fernando Pérez, alcalde do Concello de Vilasantar pode encontrarse aquí.
Contexto
O Concello de Mesía pertence á comarca de Ordes. Sitúase a puntos equidistantes das cidades galegas de A Coruña, Santiago e Lugo. Conta cunha superficie de 107 km² e 2.500 habitantes empadroados. Ten 180 núcleos de poboación, sumadas a numerosas casas illadas fora dalgúns deses núcleos.
Mesía está marcado polo óptimo aproveitamento rural, agrícola e forestal. Na escala de Galicia, Mesía ten o maior número de cabezas de gando por habitante, contando con modernas explotacións que se esforzaron en realizar os investimentos precisos para non perder produtividade. Uns esforzos que, segundo palabras do alcalde, converteron a Mesía nun dos concellos galegos con maior produción de leite, inclusive con algunhas producións destacadas pola súa vertente ecolóxica (nomeadamente, a coñecida Casa Grande de Xanceda, con premios a nivel nacional).
Tamén contan cun notable aproveitamento forestal, favorecido pola concentración realizada no 95% do territorio, nalgúns casos con 50 anos de antigüidade. No seu día, Mesía foi declarado pola Xunta concello de interese agrario, con numerosas subvencións que favorecen as explotacións agrícolas e gandeiras, a prol do rural.
Historia enerxética
Se ben na actualidade non existen parques eólicos no concello de Mesía, dada a súa situación xeográfica xa existen catro corredores de liñas de alta tensión que conducen a electricidade ao punto clave de Mesón do Vento.
A perspectiva sobre a enerxía eólica
De entrada, o alcalde de Mesía ao igual que o de Vilasantar, afirma estar a favor do desenvolvemento da enerxía eólica e en xeral de todas as renovábeis que contribúan a unha transformación enerxética cara a produción limpa de enerxía.
Se ben non existen aínda parques eólicos asentados no seu territorio, Mariano Iglesias presenta o seu municipio como un dos afectados polo xa coñecido como o “boom eólico”, tendo en conta os catro parques eólicos que na actualidade se encontran proxectados na súa contorna e en diferentes estados de tramitación. Neste punto recorda a picaresca latente de fraccionar os macro proxectos en pequenos parques, co fin de evitar a avaliación do Ministerio. Subliña que os parques eólicos están conformados polas vías e subestacións que forman os elementos auxiliares destes proxectos; dúas liñas de alta tensión necesarias para a evacuación de enerxía e dúas que atravesan o territorio provintes doutros parques en dirección SET Mesón do Vento.
Considera que as instalacións descritas farían de Mesía un territorio pouco atractivo para vivir e que afectan máis alá do seu municipio, a toda a comarca de Ordes. É por iso que todos os municipios integrantes desta comarca asinaron unha declaración rexeitando a instalación de parques eólicos na comarca, e tamén contou co apoio do Pleno da Deputación.. Nesta declaración, di, instaron á Xunta a que declarase a comarca de Ordes libre da instalación destes proxectos eólicos e eliminara a zona do mapa eólico de Galicia.
O alcalde de Mesía indica que o actual Plan Sectorial Eólico da Xunta está obsoleto, apuntando de novo ao detalle do distanciamento das casas destas instalacións: 500 metros de distancia en tanto que os aeroxeradores superan ata a punta da aspa os 200 metros.
Os gandeiros teñen unha limitada base territorial, que tratan de ampliar con esforzo para facer rendibles as súas explotacións; uns intereses que baten de fronte coas grandes poligonais de afección dos parques proxectados. O Alcalde manifesta que a negativa da corporación local respecto a estes proxectos provén da petición da veciñanza e baséase sobre todo en motivos socioeconómicos.
Aínda estando a favor da enerxía eólica, non consideran viable a súa instalación en lugares onde implicaría a eliminación do sistema económico previo e latente do territorio como sería o caso de Mesía. E sobre todo, di, un sector tan importante como o primario cuxa transversalidade se evidenciou máis se cabe baixo o contexto do estado de alarma e crise sanitaria derivada da COVID-19. Unha notoriedade que, lamenta, se esquecerá demasiado pronto.
Conclusión
O alcalde considera “que se lle está presentando ás instancias supramunicipais, sexa a Xunta ou o Goberno central, unha oportunidade única para pór en valor ao medio rural, de forma directa”. Un entorno que perde poboación, e que considera se vería agravado pola inclusión destes proxectos que xa non só afectarían ao sistema socioeconómico comentado, senón que implicarían segundo Mariano Iglesias numerosas afeccións a maiores: paisaxísticas, ambiental, patrimonial e, inclusive, sanitaria.
Mentres considera que estas últimas afeccións deben ser avaliadas por expertos en materia, o alcalde de Mesía móstrase “en contra dos parques e liñas de alta tensión no seu concello, en tanto que non as considera compatibles coas actividades predominantes e precedentes no territorio”. Ademais, considera que a dinámica destes proxectos debería “ir ligada a un retorno, tanto no eido económico coma no social, no lugar onde se implanten, e que non se limiten a un retorno nas contas de resultados das súas promotoras (non galegas)”.
Para concluír, o alcalde exprésase moi claramente ao salientar o que considera un deber de todos os entes públicos “o da protección do que cualifica de especulación eólica. Unha especulación que premia ás promotoras e, polo tanto, abandona a quen leva loitado polo rural dende sempre, sendo respectuosos co medio, facendo del o seu modo de vida, de xerar riqueza xeración e xeración. A súa xente.”
A intervención completa de Mariano Iglesias, aquí.
Contexto
Muras sitúase ao norte da provincia de Lugo, no límite entre a Mariña e a Terra Chá. Conta con 680 habitantes empadroados, dos que máis da metade superan os 65 anos, polo que se traduce nunha poboación moi envellecida. Tamén destaca a dispersidade dos núcleos de poboación. O rexedor considera que estas características poboacionais e xeográficas favoreceron a inclusión eólica na zona nos anos precedentes a súa entrada como alcalde no 2015.
Trátase do concello galego con maior penetración da enerxía eólica: posúe 21 parques con 381 muíños. Trátase dun municipio rural onde, de novo, as actividades socioeconómicas predominantes son a agricultura e a gandería.
Historia enerxética
Ao longo dos últimos 25 anos, a paisaxe de Muras cambiou de forma clara. Produciuse unha acumulación sen precedentes de potencia eólica nas terras do Concello. O alcalde destaca o impacto paisaxístico derivado do desenvolvemento eólico, non só polos aeroxeradores, senón tamén polas pistas e liñas de evacuación. Refírese tamén ao impacto acústico.
Para a instalación destes 21 parques no Concello, as empresas usaron tanto a venda como a expropiación para facerse co dereito a asentar as infraestruturas. A expropiación levouse a cabo naqueles casos onde a veciñanza non aceptaba as ofertas marcadas polas promotoras (cifradas entre 30 e 100 pesetas o metro cadrado). Cando se deron estas situacións, ficaba “…entre a poboación un sentimento de intimidación, aínda hoxe recordado”.
O alcalde sinalaou que “…onde se atopaban con maiores dificultades as empresas eólicas era nos terreos propiedade das comunidades de montes, pero finalmente acordaban con elas un alugueiro anual..”. Segundo a documentación que manexa, cifra en 1.800€ anuais por cada muíño instalado. Concluíndo que é “unha cifra moi pequena en comparación coa riqueza enerxética xerada por cada aeroxerador”.
A perspectiva sobre a enerxía eólica
Cando Manuel Requeijo accede á alcaldía, “aínda con 381 muíños e 21 parques eólicos, hai familias que non teñen luz, que nós dende o propio Concello temos que levar esa luz ás distintas casas. E unha das ideas que tiñamos en mente nós era que esa riqueza que comentaba antes que xeran as empresas eólicas revertera dalgún xeito nos veciños. E decidimos pór en marcha unha axuda para o pago do recibo da luz xa que as empresas non teñen esta iniciativa por si mesmas nin ningunha administración superior pon enriba da mesa esta obrigatoriedade, pois nós decidimos levar isto a cabo.”
Nun concello onde existía un aeroxerador por cada dous habitantes existían familias en cuxas casas non tiñan luz.
A partir dese momento, o concello comeza a traballar para tratar de cambiar esa situación, certamente inxusta. Con esta idea, e ante a falta de vontade por parte das empresas e tamén ante a ausencia de iniciativa algunha promovida por autoridades públicas supramunicipais, dende o concello de Muras deciden iniciar un estudo do consumo enerxético por unidade familiar, do que se deriva que máis do 75% das familias gastaban entorno aos 600€ anuais, tomando como referencia os datos do ano 2014.
Consecuencia de todo iso, o Concello de Muras pon en marcha unha iniciativa de bonificación no recibo da luz. A bonificación do recibo da luz cubre o 80% das unidades familiares, cunha bonificación anual de ata 600€. Con esta medida, dende a entidade local pretendíase loitar contra a pobreza enerxética, asentar poboación no territorio e compensar en certa medida a ocupación do terreo por parte dos proxectos eólicos.
A maiores, fala dunha liña que pretende impulsar o mantemento das actividades económicas de pemes (hostalaría, ganderías….): unha axuda lineal de 1.500€.
Conclusión
Manuel Requeijo finaliza a súa intervención demandando unha nova xeración de impulso eólico que implique á veciñanza no seu desenvolvemento, con información e con xustiza económica, enerxética, social. Porén, quéixase da ausencia de voz que teñen as autoridades locais galegas na actualidade, sendo consciente segundo di de que a enerxía eólica é unha potencial fonte de riqueza, tan importante como o sería o feito de repensar o seu reparto e, para elo, un bo planteamento que implique a todos os axentes.
A intervención íntegra de Manuel Requeijo aquí.
Reflexións finais
O Alcalde de Vilasantar reafirma que seguindo a “normativa galega obsoleta” as promotoras compren co estipulado en lei pero precisamente o que demanda Fernando Pérez é “…unha lei que sexa acorde coa evolución da maquinaria eólica nos últimos anos”
Mariano Iglesias, alcalde de Mesía é contundente ao afirmar que “…aínda recibindo compensacións económicas como reciben as entidades locais portuguesas, algúns dos impactos que provocarían a instalación dos proxectos eólicos no territorio non serían reversibles e por tanto “compensados” por aportación económica algunha”.
“Os cambios na lexislación para obter beneficios para as comunidades rurais, eliminar a expropiación como unha fácil aplicación, e o pago de renda directamente aos propietarios dos terreos” foron algunhas das propostas finais de Manuel Requiejo, alcalde de Muras. Así mesmo, incidiu na elevada desinformación latente no proceso de instalación dos parques eólicos, limitando o poder de negociación das comunidades de montes, e dos concellos. Aspecto este último tamén sinalado por os dous alcaldes dos concellos coruñeses.