O Observatorio Eólico de Galicia vai participar no XII Congreso de Economía Agraria cunha análise da xustiza enerxética da implantación eólica no mundo rural galego
O Observatorio Eólico de Galicia vai participar no XII Congreso de Economía Agraria cunha análise da xustiza enerxética da implantación eólica no mundo rural galego
18 Xullo, 2019
Autor: OEGA
0 Comentarios
O Congreso terá lugar os días 4, 5 e 6 de setembro de 2019 na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo (Campus Terra-USC), baixo o lema “A sostenibilidade agro-territorial desde a Europa atlántica“. O Congreso está organizado pola Asociación Española de Economía Agraria.
Que será presentado?
Membros do Observatorio Eólico de Galicia presentarán no XII congreso, que está organizado pola Asociación Española de Economía Agraria, a comunicación de título “Enerxías renovables, acción colectiva e desenvolvemento rural: unha análise inicial desde o marco analítico da xustiza enerxética”. A comunicación parte do feito de que nas últimas décadas as enerxías renovables se teñen desenvolvido sobre todo en áreas rurais que padecen importantes problemas económicos, sociais e ambientais. Este feito ten sido especialmente significativo para a enerxía eólica. As consecuencias económicas, sociais, ambientais e políticas que se derivan deste proceso de transición enerxética non teñen sido suficientemente estudadas ate o momento, sendo necesaria a utilización de novos marcos analíticos que as aborden desde perspectivas multidisciplinares. Dentro das novas ferramentas de análise destes procesos destaca a xustiza enerxética, que ten alcanzado un importante interese científico e político nos últimos anos.
O traballo que se presenta no XII Congreso realiza, para o caso galego, unha análise inicial do proceso de desenvolvemento eólico a partir do marco analítico da xustiza enerxética. En especial, prestarase atención á compoñente distributiva da xustiza enerxética e á súa incidencia no desenvolvemento rural. Así, no traballo analízase o marco regulador, os resultados distributivos que se producen, e a súa incidencia nas dinámicas transformadoras do medio rural. Entre elas, mencionaranse as vinculadas coa acción colectiva no manexo territorial, presentando varios casos de boas prácticas na xestión sustentable do territorio a partir de recursos económicos derivados do desenvolvemento da enerxía eólica.
O obxectivo do Congreso
Desde a organización do evento sinalan que nesta edición do Congreso quérese pór especial énfase na análise dos modelos de produción agroalimentaria e forestal sustentables, tendo en conta o contexto territorial no que se desenvolven. A celebración do Congreso en Lugo permitirá propor este debate desde a fráxil situación das áreas do norte peninsular – e de espazos similares noutras partes de Europa e do mundo-, espazos que están sufrindo grandes problemas de tipo económico e demográfico a pesar das excelentes oportunidades para a creación de riqueza que ofrecen. Neste contexto dificultoso é onde desde o OEGA se pretende introducir o debate sobre o papel e os posibles modelos de implantación da enerxía eólica, coa finalidade de que favorezan o desenvolvemento do mundo rural e incrementen os niveis de xustiza enerxética.