O Concello de Outes convidou a OEGA a acto informativo sobre enerxía eólica
12 Outubro, 2020
Autor: OEGA
0 Comentarios
Coa participación das plataformas sociais APEON e Quijote Outes e coa presenza de José Antonio Pereira Gil, alcalde de A Baña, Juan José Blanco Riveiro, alcalde de Mazaricos, Manuel Ángel Leis Míguez, alcalde de Negreira, Manuel González López, alcalde de Outes, e David Barbeira García, alcalde de Santa Comba, o sábado 10 de outubro o OEGA participou a charla informativa sobre “Os impactos da enerxía eólica nos territorio rurais”, organizada polo propio concello de Serra de Outes.
Na primeira parte da charla, os representantes das dúas plataformas veciñais defenderon a súa oposición ao desenvolvemento dos parques eólicos Maragouto e Banzas. Argumentaron que os futuros parques eólicos asentaríanse en terras de concentración parcelaria e porían en risco a viabilidade das actividades gandeiras, principal fonte de renda deses concellos. Así mesmo, expuxeron que varios aeroxeradores estarían demasiado cerca das casas e dos núcleos rurais, e demandaron unha reforma do Plan Eólico Sectorial de Galicia para que se incremente a distancia requirida entre os parques eólicas e as zonas de vivendas. Tamén apuntaron os altos valores ambientais de diversos espazos, como son a Fervenza e a Carballeira de Santa Leocadia e o mirador do Cotro. Afirmaron que existen alternativas para colocar eses aeroxeradores sen pór en risco a vida social, económica e ambiental desas parroquias. Por todas esas razóns, as dúas plataformas, co apoio dos concellos presentes, manifestaron o seu rexeitamento aos parques eólicos previstos nesta zona da provincia de A Coruña.
A intervención do OEGA, a cargo do seu responsábel, Xavier Simón, consistiu basicamente en defender que o cambio de tendencia na dinámica dos espazos rurais sería posíbel conseguila mediante un cambio de modelo de impulso das enerxías renovábeis. Nese novo modelo as comunidades rurais terían un papel diferente. Sobre todo, si esas comunidades tiveran acceso a maiores rendas. O OEGA apostou por ese modelo mostrando que iso non inviabilizaría a transformación do modelo enerxético vixente, obxectivo compartido por todas. Tamén foron presentadas a toda a audiencia as principais características do que se denomina o “contrato tipo”, recentemente feito público. En relación coa oferta económica que fixo a empresa promotora aos veciños de Serra de Outes, o OEGA afirmou que a contía da oferta non alcanza nin o 50% das contías medias que se están a pagar na actualidade.
Despois da presentación, formuláronse diversas preguntas e realizáronse algunhas reflexións de moito interese polo público asistente. Entre elas queremos resaltar a realizada polo representante da “Rede Galega polo Rural Vivo” que indicou “…o rural sen eólicos ten recursos para ser unha potencia. Pero temos que ter eólicos porque é unha fonte renovable, entón, imos ser partícipes os veciños e veciñas dese proceso ou non?”
A charla informativa organizada polo Concello de Outes finalizou cos 5 alcaldes indicados ao inicio lendo o Manifesto denominado “Declaración a prol dun desenvolvemento sustentable e xusto da enerxía eólica nos territorios rurais”. Se queres ter acceso a ese documente preme neste enlace.