OEGA parte do panel internacional de expertos sobre eólica en Italia, na Conferencia sobre Territorios Fráxiles
25 Outubro, 2020
Autor: OEGA
0 Comentarios
Durante o venres 23 e o sábado 24 celebrouse unha nova edición da Conferencia sobre Territorios Fráxiles, organizado pola Universidade de Trieste, a Universidade de Pádova e a Aree Fragili Associazione. O evento alcanzou máis de 40 presentacións chegadas de toda Europa.
Na xornada do sábado, celebrouse o Seminario titulado A enerxía do Vento, baixo a coordinación de Ivano Scotti (Università di Pisa). Ni Seminario participaron Rosa Lehmann, da University of Jena, na Alemaña, coa presentación titulada “Wind energy development in southern Mexico: socio-ecological inequalities and perspectives for energy justice.”. A profesora Lehmann mostrou as contradicións entre a ocupación das terras eólicas por compañías internacionais, moitas delas españolas, e a falta de recoñecemento dos dereitos das comunidades locais, moitas delas indíxenas, para ser parte do desenvolvemento eólico. Mostrou, así mesmo, como os aeroxedroes e demais instalacións dos parques eólicos ocupan terras de alto valor ecolóxico e son situados moi próximas ás vivendas da veciñanza.
Samadhi Lipari, pesquisador italiano da University of Leeds fixo unha presentación moito inetresante baixo o título “ TerritorialiZed accumulation and uneven development arouns renewable energies in Europe: two cases”. Samadhi Lipari mostrou como a penetración do capitalismo verde está a desvalorizar as terras agrarias e rurais , abaratándoas e impulsando o crecemento das enerxías renovábeis mediante a mercantilización do medio rural sen a participación das comunidades locais.
Finalmente, Xavier Simón, en representación do Observatorio, presentou a comunicación Renewables Transition and Energy Justice: the Wind Farms in Galiza. Na súa presentación, preguntouse se é suficiente con producir enerxía eléctrica con baixas emisións de CO2 ou si xunto con ese logro debemos ter sempre presente a necesidade de facer máis igualitario e democrático o acceso ás enerxías renovábeis. Mostrou como na xeración eólica no caso galego a participación pública é case nula e a participación comunitaria é extremadamente marxinal. Non é suficiente, afirmou Simón, con aledarnos de ter unha estrutura enerxética na que, como en 2019, case o 90% da demanda de enerxía eléctrica procedía das renovábeis. É necesario dar moito maior protagonismo ás comunidades rurais.
Despois de varias preguntas desde o público asistente, os participantes expresaron o seu desexo persoal e das súas institucións por buscar espazos de colaboración no ámbito das enerxías renovábeis e do impulso das comunidades enerxéticas como actores centrais do seus desenvolvemento.