O Observatorio Eólico de Galicia, co participación do presidente da Fundación Juana de Vega, Enrique Sáez, e o presidente da Fundación Isla Couto, Manuel Meixide, presentou hoxe á sociedade galega o contido do Contrato Tipo. Despois de anos de observación, análise e participación en numerosos procesos de desenvolvemento eólico no rural galego, o Observatorio Eólico de Galicia hai un ano púxose a traballar para elaborar un Contrato Tipo que permitira mellorar as condicións contractuais para os propietarios das terras agrarias con aptitude eólica. Para iso contratouse a un Doutor en Dereito e contouse co apoio dun equipo de xuristas externos á Universidade. Nas fases iniciais do desenvolvemento do Contrato Tipo diversas organizacións de propietarios rurais foron consultadas, e as súas achegas forman parte da proposta final. O CT tamén foi presentado á Asociación Eólica de Galicia, o grupo que conforma a patronal. Despois de varios meses agardando por unha resposta, o seu silencio é interpretado como unha aceptación implícita do CT. Finalmente, a semana pasada o CT foi presentado aos tres grupos parlamentarios que conforman o Parlamento de Galicia. As sensacións dos membros do OEGA, despois das reunións, son moi positivas.
A principal motivación do Observatorio para definir un contrato tipo é a constatación da existencia de diferentes propostas que non sempre recollen todas as posicións vantaxosas para os propietarios das terras eólicas. E isto ocorre nun contexto de forte asimetría entre as partes: moito coñecemento do mercado e moita información, por parte dos promotores. Pouca información e poucos recursos, por parte dos propietarios. E isto ocorre, tamén, nun contexto no que a posibilidade da expropiación das terras é usada como unha forma de presión sobre os propietarios. Finalmente, o contexto tamén se caracteriza por unha forte disparidade dos termos da responsabilidade social por parte dos promotores. Encontramos promotores que son auténtico especuladores, que buscan gañar moito diñeiro no curto prazo especulando con posibles parques. Pero tamén encontramos promotores moi responsábeis socialmente que buscan desde o primeiro momento impulsar un clima de diálogo cos propietarios, co obxectivo de topar unha solución contractual que sen impedir o negocio da promotora favoreza o máis posible ás comunidades rurais.
O CT deseñado polo OEGA é unha proposta que tenta evitar a especulación sen que se poña en cuestión o investimento empresarial. Busca, en definitiva, unha gobernanza democrática da transición enerxética vinculada coa enerxía eólica en Galiza, dentro do marco xurídico existente.
As principais características do contrato tipo, son as seguintes:
Débese recoller a totalidade da superficie afectada polo parque eólico, tomando como punto de partida o Plan Eólico Sectorial de Galicia (PESG). Isto significa considerar as superficies directamente ocupadas para os aeroxeradores, as vías, as gabias e a subestación, así como a superficie de servidumes, tal e como se establece no vixente PESG.
A proposta non inclúe a contía da renda a pagar, pois isto debe ser obxecto de negociación entre as partes. Pero o Observatorio ofrece o apoio necesario para coñecer as rendas medias en Galiza, as produtividades de cada territorio e a facturación total estimada. Así mesmo, no CT establécese a necesidade de negociar un pagamento mínimo anual e a opción a cobrar todas as rendas da duración do contrato nun único pagamento. Por outra parte, producirase a actualización da renda segundo o IPC. No caso de IPC negativo a renda non variará.
O pagamento da renda anual comezará no momento en que se asine o contrato entre o propietario das terras e o promotor.
Establecerase unha cláusula de produtividade. Isto significa que cada punto porcentual de incremento da produtividade media do parque en relación coa produtividade media de todos os parques galegos producirá un incremento similar da renda anual.
Cláusula de igualación. Se durante a vida do contrato aparece un contrato con mellores condicións económicas para similares condicións produtivas do parque, o promotor deberá igualar o pagamento anual.
O promotor debe comprometerse por contrato a manter os servizos agrarios, gandeiros e forestais que existan antes da posta en marcha do parque eólico.
Así mesmo, os propietarios das terras fican obrigados a seguir todas as indicacións do contrato para non entorpecer de ningunha das formas o normal desenvolvemento da actividade de produción de enerxía eléctrica no parque eólico.
O promotor comprométese a dar prioridade aos veciños e veciñas da parroquia ou do concello onde se asenta o parque eólico para os postos de traballo que se deriven da súa posta en marcha.
O Observatorio Eólico de Galicia defende a enerxía eólica como unha fórmula para avanzar na transición enerxética e ecolóxica. Pero demanda que as políticas públicas se encamiñen a garantir non só o crecemento da potencia instalada senón tamén unha xusta e democrática participación de todos os actores, sobre todo das comunidades rurais. Como temos mostrado en diversas ocasións, por exemplo no Informe do Impacto Económico da Enerxía Eólica no Medio Rural Galego, algúns cambios normativo tamén axudarían a alcanzar ese obxectivo.
Se queres acceder ao contido do contrato podes facelo premendo nas seguintes ligazóns. Unicamente temos unha versión en galego do contrato tipo para Comunidades de Montes veciñais en Man Común e do contrato tipo para propietario privados individuais.
2 Replies to “OEGA fai público o Contrato Tipo: para a mellora da gobernanza do sector eólico en Galiza”
[…] é unha mellor opción e ese pagamento anual formalizaríase nun contrato. Déronse indicacións da proposta de contrato tipo elaborada polo OEGA. Tamén se presentaron os prezos medios máis comúns que se están a establecer na actualidade en […]
Premendo no enlace do artigo irás directamente ao contrato tipo
Comments are closed.