Moeche acolle o 1º Encontro de Comunidades Enerxéticas de Galicia
7 Setembro, 2026
Autor: OEGA
0 Comentarios
O concello coruñés de Moeche acollerá o vindeiro sábado 12 de setembro, no Centro Cultural Francisco Piñeiro, o 1º Encontro de Comunidades Enerxéticas de Galicia, un evento organizado pola iniciativa RedEnerxía baixo o lema “Ningunha comunidade medra soa”, e que conta co apoio do Concello de Moeche, o Xeoparque Mundial UNESCO Cabo Ortegal e o Observatorio Eólico de Galicia (OEGA).
O encontro nace coa vontade de sentar as bases de colaboración entre as distintas iniciativas enerxéticas de base comunitaria que están a xurdir en Galicia, coa finalidade última de pór en marcha proxectos comúns entre elas. Trátase dunha cita pioneira, que busca conectar experiencias que ata agora traballaron de forma illada en cada territorio.
Un programa pensado para compartir e coordinar
A xornada, que se desenvolverá ao longo de toda a mañá, inclúe:
Posta en común dos avances das distintas comunidades enerxéticas participantes, cada unha explicando o seu proceso por separado.
Elaboración dun mapa de necesidades e capacidades que permita identificar en que pode axudar cada comunidade ás demais.
Unha dinámica sobre posibles proxectos colaborativos entre as comunidades enerxéticas presentes.
Un obradoiro por grupos centrado na auto-organización e a coordinación entre comunidades enerxéticas (CEs).
Conclusións e próximos pasos, para pechar a xornada con compromisos concretos de cara ao futuro.
RedEnerxía: compartir máis que enerxía
RedEnerxía é unha iniciativa que traballa baixo a idea de que “ningunha comunidade medra soa”, e que promove a colaboración entre proxectos enerxéticos de base comunitaria en distintos territorios de Galicia. O encontro en Moeche conta co respaldo dos Grupos de Desenvolvemento Rural Seitura 22, Terras de Miranda, Terra Chá e Ulla Tambre Mandeo, así como do programa europeo LEADER, cofinanciado pola Unión Europea, o Goberno de España e a Xunta de Galicia.
A participación do OEGA
O Observatorio Eólico de Galicia súmase como entidade de apoio a este primeiro encontro, dando continuidade á súa liña de traballo de acompañamento e conexión entre comunidades enerxéticas locais que se vén desenvolvendo ao longo do último ano, e que tivo no “Encontro de Entidades Comunitarias que traballan e impulsan a Transición Enerxética Comunitaria” (Universidade de Vigo, maio de 2026) un dos seus principais fitos. O encontro de Moeche supón un novo paso na consolidación dunha rede galega de comunidades enerxéticas que compartan coñecemento, experiencias e proxectos comúns.
Inscricións: as persoas interesadas en participar poden inscribirse a través do correo planificaciontec@gmail.com. Máis información en www.redenerxía.gal