Cando se instala un parque eólico nun monte, hai unha pregunta que poucas veces se responde con claridade: canto valor económico xera realmente e como se reparte entre a empresa promotora e os propietarios dos terreos?
Desde o Observatorio Eólico de Galicia levamos meses traballando nunha análise que trata de responder a esta pregunta a partir de datos reais. O estudo aínda non está pechado, seguimos revisando e afinando o modelo, pero os primeiros resultados permiten identificar unha tendencia suficientemente clara como para compartila. Deben interpretarse, en todo caso, como resultados preliminares e suxeitos a revisión.
Por que é importante para os propietarios?
Un contrato de arrendamento ou unha servidume eólica pode durar 25 anos ou máis. No momento de negociar, o promotor dispón de información detallada sobre o vento existente, a produción prevista, os custos do parque e os ingresos que pode obter coa venda da electricidade. O propietario do terreo —sexa unha persoa, unha comunidade de montes ou un concello— normalmente non ten acceso a esa mesma información.
Esta desigualdade informativa, unida ao feito de que adoita haber un único promotor interesado nun determinado monte, dificulta saber se a cantidade ofrecida polo uso do terreo é adecuada. En economía, esta situación coñécese como monopsonio: hai varios posibles propietarios cos que negociar, pero un único comprador ou demandante dos terreos.
Se os propietarios descoñecen o valor económico que pode xerar o seu terreo, resulta moito máis difícil negociar unhas condicións xustas.

Tres conceptos clave, explicados sen fórmulas
Antes de presentar os resultados, convén entender tres ideas fundamentais.
Excedente económico. É o valor que queda despois de descontar dos ingresos do parque todos os custos necesarios, incluído un rendemento razoable para quen realizou o investimento. A pregunta central é: como se reparte ese valor adicional entre o promotor e os propietarios dos terreos
Máxima Disposición a Pagar (MDAP). É a cantidade máxima que o promotor podería pagar polo uso dos terreos sen que o proxecto deixase de ser rendible. Non é o pagamento que realiza realmente, que normalmente é inferior, senón unha estimación da marxe económica dispoñible para remunerar o terreo. Canto maior sexa a diferenza entre esa cantidade e o pagamento real, maior será a parte do excedente que retén o promotor.
Índice de Poder de Mercado (IPM). É un indicador comprendido entre 0 e 1 —ou entre o 0 % e o 100 %— que estima que parte desa marxe potencial queda en mans do promotor. Un índice próximo ao 100 % indicaría que o promotor retén case toda a marxe dispoñible, mentres que un índice máis baixo reflectiría un reparto máis favorable para os propietarios.
Para estimar todo isto empregamos tres formas distintas e independentes de calcular os números, precisamente para non depender dun único enfoque: unha baseada no valor actual dos ingresos e custos do parque, outra que compara os pagamentos cos estándares internacionais de reparto de ingresos, e unha terceira —coñecida como “Nash Bargaining”— que calcula como se repartiría o excedente se ambas as partes negociasen en igualdade de condicións.
Que atopamos ata o momento?
Analizamos 75 parques eólicos de Galicia, utilizando datos de produción e pagamentos correspondentes ao período 1997–2024. Aplicamos tres metodoloxías diferentes para comprobar se os resultados se manteñen cando se empregan distintas formas de cálculo.
As tres metodoloxías apuntan na mesma dirección:

Que non permite afirmar estes resultados?
Cómpre interpretar os datos con prudencia por varias razóns:
Falamos, polo tanto, de resultados preliminares. As tres metodoloxías mostran unha tendencia coincidente, pero o informe final, cos cálculos revisados e validados, aínda está en elaboración.
Que poden achegar estes datos aos propietarios, ás comunidades de montes e aos concellos?
Esta análise non é un exercicio académico illado. Nace do traballo que o OEGA realiza acompañando a propietarios, comunidades de montes e concellos que negocian ou renegocian contratos eólicos, especialmente ante procesos de repotenciación.
Coñecer, aínda que sexa de maneira aproximada, a marxe económica que pode xerar un parque permite aos propietarios valorar mellor as ofertas recibidas, comparar alternativas e negociar con máis información. Non determina automaticamente cal debe ser o pagamento en cada caso, pero proporciona unha referencia útil para defender condicións máis equilibradas e unha maior participación do territorio no valor xerado.
Continuaremos traballando nesta liña e informaremos cando o informe definitivo estea revisado, validado e preparado para a súa publicación.
Este traballo, coma todo o que desenvolve o OEGA, non sería posible sen a colaboración da Fundación Juana de Vega, a Fundación Isla Couto e a Fundación Paideia Galiza, que xunto coa Universidade de Vigo fan posible o funcionamento do Observatorio Eólico de Galicia.