A Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais (FCEE) da UVigo foi o escenario os días 28 e 29 de maio do “Encontro de Entidades Comunitarias que traballan e impulsan a Transición Enerxética Comunitaria”. O evento, organizado polo Observatorio Eólico de Galicia (OEGA), o proxecto LIFE EC4RURAL, Enerxía Comunitaria S.L., o CISPAC e o Observatorio dos Montes en Man Común e Baldíos, logrou reunir a un amplo abano de axentes clave para debater o futuro enerxético desde a perspectiva local e participativa.
As xornadas contaron cunha alta participación de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC), cooperativas, asociacións e persoal investigador, consolidándose como un punto de encontro fundamental para a conformación dunha Rede de Entidades Comunitarias pola Transición Enerxética en Galicia. Non en van, esta actividade é unha continuación de accións similares desde o mes de novembro de 2023
O programa deu comezo na tarde do xoves 28 de maio coa proxección do filme “Vidas Irrenovables”, seguida dun coloquio co seu director, Francisco J. Vaquero. Durante o coloquio, Vaquero incidiu na necesidade de apostar polo autoconsumo e o modelo distribuído como alternativa real ao modelo actual.
O venres 29 de maio a xornada desenvolveuse cun intenso programa que abarcou desde casos prácticos ata marcos legais e financeiros.
Aprendendo de modelos de éxito: Europa e Galicia
A sesión matinal abriuse cun bloque dedicado a “Experiencias comunitarias de transición enerxética”. Destacou a intervención de Ralf Marpert, representante de energieland2050 e.V. Marpert compartiu a súa ampla experiencia na xestión de parques eólicos comunitarios e as directrices de participación cidadá que permitiron a Steinfurt, o territorio onde desenvolven as súas actividades, converterse nun referente europeo en aceptación social das renovables.

Os relatores de Eolpop, Pep Puig e Miquel Cabré, presentaron a exprienca catalá de “Viure de l’Aire, o primeiro parque eólico comunitario do Estado español. Pola súa banda, Xavier Martínez Cobas, socio fundador de Enerxía Comunitaria SL, debullou os principais trazos do seu proxecto: a posta en marcha do primeiro parque eólico comunitario de Galicia.
As CMVMC como motor do cambio
Un dos piares do encontro foi a análise do papel fundamental das Comunidades de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) . O relatorio contou coa presenza do notario e profesor da UVigo, Ernesto Regueira Núñez, e do avogado Xoan Antón Pérez-Lema, quen abordaron a problemática específica relacionada coa participación das CMVMC nos procesos de transición enerxética. Se ben ata agora estas entidades colectivas só están a ser receptoras de investimentos de terceiras empresas, desde a Universidade de Vigo, e desde Enerxía Comunitaria SL, traballamos para definir marcos de gobernanza onde as CMVMC comecen a ser actores activas e centrais desa transición. Regueira e Pérez-Lema colocaron no debate aspectos centrais para avalar ese rol para as CMVMC.

A continuación puidéronse coñecer e debater exemplos de CMVMC que xa están a desenvolver accións propias no ámbito da transición enerxética. A CMVMC de Tameiga (Mos), a CMVMC de Puga (Toén) e a CMVMC de Cabeiras (Arbo) presentaron os seus proxectos comunitarios de transición enerxética. Pola súa banda, a Cooperativa Nosa Enerxía, SCG, relatou como desde a acción colectiva se está a impulsar a transición enerxética controladas polas persoas social. Nosa Enerxía SCG é a primeira comercializadora con formato de cooperativa que existe en Galicia.

A comercialización da capacidade de absorción de CO2 que teñen os montes comunais é un novo ámbito de negocio no que as comunidades non poden ficar atrás. Se ben ata agora predominan as iniciativas externas, é dicir, grandes empresas que ofrecen contratos aos titulares comunitarios, non quixemos deixar pasar a oportunidade de presentar alternativas de comercialización de capacidade de absorción controladas polas propias comunidades. Para iso, por Jose Manuel Iglesias Espiño, da consultora Tenzas, e Jose Taboada, da CMVMC de Vínicos (Gondomar) partillaron cos asistentes como proceder a realizar inscricións de capacidade de CO2 e a posterior xestión por medio das propias comunidades, sen intermediarios. Entre os asistentes espertou grande interese esta presentación, abríndose un profundo debate que continuo posteriormente en conversas directas.

Para finalizar a xornada matutina, Emilio Bruquetas, conselleiro delegado de Recursos de Galicia, puxo sobre a mesa a importancia da participación pública nos novos modelos enerxéticos. Recursos de Galicia é unha iniciativa moi innovadora da Xunta de Galicia en participación con máis dunha ducia de empresas galegas. Se por unha banda presentou como están a desenvolver o proxecto coa produción do parque eólico Mondigo, situado no nordeste da provincia de Lugo, tamén compartiu coa audiencia a creación da primeira comercializadora pública de electricidade. O principal obxectivo de ambas iniciativas é garantir mellores condicións económicas e sociais para as persoas e empresas consumidoras de electricidade situadas en Galicia.
Tarde decisiva: Repotenciamento e creación dunha rede galega
A xornada da tarde iniciouse coa intervención de Enrique Saez, presidente da Fundación Juana de Vega, e de Xavier Martínez Cobas, en representación da Fundación Isla Couto. Ambas as entidades privadas levan anos apostando polo desenvolvemento rural comunitario. No ámbito enerxético son un modelo de compromiso de apoio ás iniciativas comunitarias que pretenden obter maiores beneficios sociais e económicos derivados dos recursos naturais de Galicia.
A continuación, o debate centrouse no repotenciamento de parques eólicos. Por unha parte, Enrique Gil Santos, presidente da CMVMC de Covelo (A Lama) contou a experiencia negociadora de 8 comunidades de montes situadas nos concellos de A Lama, Forcarei e Cerdedo Cotobade co proceso de repotenciamento dos parques Serra do Cando e Monte Seixo-Cando. Enrique Gil contou como as 8 comunidades, antes de iniciar a negociación, chegaron a un acordo dobre: por unha parte, todas elas queren que os parques sigan na Serra, despois de 25 anos de convivencia; en segundo lugar, acordaron que independentemente da distribución dos aeroxeradores repotenciados, cada comunidade deberá manter a proporción actual de participación. É dicir, se agora unha comunidade conta co 3% da potencia e despois do repotenciamento ningunha potencia é instalada no seu territorio, a súa participación seguirá sendo do 3%. Un acordo histórico polo que supón de colaboración mutua entre actores rurais.

Pola súa banda, Xoan Antón Pérez-Lema particpou na mesa en calidade de negociador directo en representación da CMVMC Barbanza de Postomarcos, no concello da Pobra do Caramiñal con motivo do repotenciamento dos parques eólicos Barbanza I e Barbanza II. Co asesoramento do OEGA, a negociación desta CMVMC mostra como é posible mellorar as condicións económicas e sociais para os actores locais sen que iso signifique impedir o desenvolvemento dos investimentos. Pérez-Lema explicou que o novo acordo alcanzado, co apoio o OEGA, supuxo un incremento do 80% das rendas anuais e unha garantía de potencia mínima para a CMVMC independentemente do resultado final do repotenciamento.
Finalmente Alfonso Álvaro, de Repowerlab, mostrou as grandes oportunidades que se abren para as comunidades de montes para reaproveitar os aeroxeradores “vellos” para construír comunidades enerxéticas que dean servizo, nun radio de 5 quilómetros, a todas a cidadanía e empresas. Tamén se referiu ao proceso de reutilización de aeroxeradores de potencia arredor de 1 MW para construír comunidades enerxéticas en zonas de concentración empresarial.
Rede de Entidades Comunitarias pola Transición Enerxética
Coordinado por David Río, de Taller de Estrategias Ciudadanas, punto final do encontro foi a posta en común dos retos e oportunidades para a conformación dunha Rede de Entidades Comunitarias pola Transición Enerxética. Durante esta sesión, as persoas asistentes abordaron como desenvolver esa Rede: como compartir coñecemento, como negociar conxuntamente ante a administración e incidir nas políticas e como impulsar un modelo enerxético descentralizado, democrático e ao servizo das persoas.

Todas as persoas asistentes mostráronse interesadas en colaborar para que esa Rede sexa unha realidade e o OEGA asumiu a responsabilidade de coordinar as primeiras accións.