Galicia reúnese para impulsar a transición enerxética comunitaria
6 Abril, 2026
Autor: OEGA
0 Comentarios
Os días 28 e 29 de maio de 2026 celébrase en Vigo o Encontro de Entidades Comunitarias pola Transición Enerxética, un espazo de encontro e traballo para asociacións, cooperativas e comunidades de montes que xa están a liderar o cambio enerxético desde abaixo.
A transición cara a un modelo enerxético máis xusto e sostible non se constrúe só desde as grandes empresas. En Galicia, cada vez máis comunidades, asociacións e cooperativas están a tomar as rendas dos seus propios proxectos de enerxía renovable: parques eólicos comunitarios, instalacións fotovoltaicas e iniciativas de xestión colectiva do territorio que poñen a enerxía ao servizo da cidadanía. Incluso a acción do goberno autonómico, coa iniciativa de Recursos de Galicia, comeza a camiñar nesa dirección.
Para xuntar estas experiencias, compartir coñecemento e sentar as bases dunha rede común, nace este encontro que terá lugar no Salón de Graos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Vigo.
Programa provisional
O xoves 28 de maio pola tarde proxectarase o filme Vidas Irrenovables, seguido dun debate. O venres 29 de maio, durante toda a xornada, desenvolveranse mesas de traballo sobre parques eólicos comunitarios en Galicia, Cataluña e Europa, a participación das CMVMC en comunidades enerxéticas, o repotenciamento de parques eólicos, as Comunidades de Montes e a xestión do CO₂, os proxectos comunitarios locais, e as negociacións con empresas promotoras. A xornada rematará cun espazo dedicado á creación dunha Rede de Entidades Comunitarias pola Transición Enerxética. O programa detallado estará dispoñible en breve.
A quen vai dirixido
O encontro está pensado para os axentes que xa están a traballar na enerxía comunitaria en Galicia ou que teñen interese en facelo: comunidades de montes con proxectos eólicos ou fotovoltaicos en funcionamento ou en negociación, cooperativas e asociacións de base comunitaria con proxectos de enerxía renovable, e outros actores colectivos con interese na transición enerxética en mans dos actores locais.
Por que é importante este encontro
Máis aló das sesións técnicas e dos debates, o encontro persegue algo concreto: crear unha Rede de Entidades Comunitarias pola Transición Enerxética que permita sumar forzas, intercambiar boas prácticas e fortalecer a posición das comunidades nos procesos de negociación. Porque a gobernanza local da enerxía non é só posible: en Galicia xa está a acontecer.
Inscrición
A inscrición é gratuíta para membros de entidades comunitarias (CMVMC, asociacións e cooperativas con vinculación enerxética), cun máximo de dúas persoas por entidade e certificado xustificativo. Para empresas e outras entidades o custo é de 120 € por persoa.