OEGA participa na 2ª xornada de “Diálogos para unha Galicia renovable: deseñando a participación social no territorio”
31 Marzo, 2026
Autor: OEGA
0 Comentarios
A segunda xornada do ciclo “Diálogos para unha Galicia renovable: deseñando a participación social no territorio” reuniu a expertos, entidades e representantes do tecido social para seguir afondando como facer compatibles os proxectos de enerxías renovables co respecto ao territorio e ás persoas que o habitan.
O encontro contou coa organización de REDS-SDSN Spain, Eudemon Project e INSTA – Servizos Xurídicos Ambientais, en colaboración co Observatorio Eólico de Galicia, Fundación Juana de Vega, Fundación Renovables e o Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC).
Na sesión representantes de empresas, administracións e axentes sociais debateron sobre o contido do manual de boas prácticas en proxectos de enerxías renovables, entendido como unha ferramenta complementaria e de reforzo paralela ás normativas vixentes.
As intervencións puxeron o foco na importancia de escoitar antes de decidir e de garantir espazos reais de participación desde as fases iniciais dos proxectos. Subliñouse tamén que a transparencia debe actuar como principio transversal, favorecendo un diálogo fluído entre empresas, administracións e comunidades locais.
Outro aspecto reiterado foi a necesidade de que os proxectos xeren retorno e valor no territorio, xa sexa mediante a creación de emprego, o acceso a vivenda asumible ou o fortalecemento das redes sociais e produtivas da contorna. Así mesmo, abordouse o desafío de coordinar os diferentes niveis administrativos (concellos, comarcas, etc.) e recoñeceuse o papel que poden desempeñar mediadores profesionais para reducir tensións e evitar procesos de polarización, especialmente no ámbito rural.
O Observatorio Eólico de Galicia participou no diálogo entre as partes confirmando que a transición enerxética debe ser verde e tamén xusta, tanto no ámbito dos procedementos como no da distribución cos custes e dos beneficios.