A negociación entre a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) Barbanza de Postmarcos e a empresa promotora dos parque eólicos Barbanza I e Barbanza II desenvolveuse durante varios meses. O OEGA foi asesor externo, colaborador coa Xunta Directiva e co equipo de xuristas contratados pola entidade veciñal. Durante ese tempo, as negociacións decorreron de forma construtiva desde extremos inicialmente afastados. As cesións de uns e outros permitiu asinar un acordo final moi beneficioso para ambas as partes.
A continuación faise un pequeno repaso sobre a historia da eólica na península do Barbanza, especialmente na Pobra do Caramiñal, concello onde se asenta a CMVMC.
A potencia eólica na comarca e no concello
A comarca do Barbanza, entendida como a agrupación dos concellos de A Pobra, Boiro, Rianxo e Ribeira, conta cunha considerable capacidade instalada de enerxía renovable. Hai 4 parques eólicos: Barbanza I e Barbanza II; Monte Treito e o Parque Eólico Singular da Pobra do Caramiñal. Totalizan algo máis de 30 MW cun total de 72 aeroxeradores. Estes son de potencias reducidas: 65 de 0,33 MW, 6 de 0,85 MW e 1 de 3 MW. Este último pertence ao PES d’A Pobra.

Se centramos a atención só na Pobra do Caramiñal, na actualidade conta con 41 aeroxeradores do parque eólico Barbanza I (dos 5 son compartidos con outro concello), 23 no Barbanza II e o mencionado PES, totalizando aproximadamente 23,61 MW.
A potencia eólica en Postmarcos
Ata 2024, nas terras da CMVMC Barbanza de Postmarcos estaban asentados 29 aeroxeradores: 18 correspondentes ao PE Barbanza I e 11 dentro do PE Barbanza II. A partir de 2024, a CMVMC recupera 12 aeroxeradores completos e 5 máis en réxime compartido coa CMVMC de Ribadeseira, do Porto do Son.
En termos de potencia isto significa que ata o 2024 nos montes da CMVMC Barbanza de Postmarcos estaba asentada unha potencia de 9,57 MW e a partir dese momento unha potencia de 14,67 MW.
A produción eléctrica e a facturación
A produción eléctrica na Pobra do Caramiñal e na CMVMC Barbanza de Postmarcos foi estimada para o período comprendido entre os anos 2001 e 2024, usando a base de datos do OEGA. No caso da CMVMC, o pico de produción ocorreu en 2024, como consecuencia da nova potencia recuperada. Ata ese momento, a máxima produción ocorrera en 2013.

Nun ano medio, o consumo eléctrico da Pobra sitúase arredor dos 68.000 MWh, segundo as estimacións do OEGA. Polo tanto, a produción eólica que se obtén no concello non alcanzaría para cubrir o total do consumo.

Como se pode observar, a facturación eólica na Pobra do Caramiñal é unha actividade económica de moita relevancia. Moitos anos sitúase por enriba dos 3 millóns de euros e nos anos 2021 e 2022, coa específica situación que se viviu no mercado eléctrico, a facturación alcanzou valores astronómicos ao situarse por enriba dos 7 millóns nese último ano. Pola súa banda, nas terras da CMVMC Barbanza de Postmarcos a empresa promotora factura cantidades que superan habitualmente os 2 millóns de euros anuais, alcanzando máis de 3,5 millóns no ano 2022.
As rendas eólicas obtidas polos propietarios da CMVMC Barbanza de Postmarcos.
A Comunidade de Montes Veciñais de Man Común Barbanza de Postmarcos ten un contrato de arrendamento desde o ano 1995. Este contrato establecía un pagamento dun alugueiro anual polos terreos propiedade da comunidade de montes por un valor de 100.000 pesetas por aeroxerador e infraestrutura asociada. Cada ano esa renda actualízase co IPC. A contía inicial apenas alcanzaba os 20 mil euros e na actualidade, antes da recuperación dos novos aeroxeradores, estaba en pouco máis de 30 mil euros. Estas cantidades representaban unha porcentaxe moi baixa, sempre inferior ao 2,5% da facturación total do parque eólico e varios anos incluso por debaixo do 1,5%.
A Xunta Directiva da CMVMC Barbanza de Postmarcos sempre expresou o seu malestar pola contía das cantidades recibidas. Considerábaas moi cativas e inxustas. A súa tesoureira Lorena Muñiz afirma que “o que fan as empresas eólicas cos nosos montes é un atraco a mao armada. Deben gañar diñeiro, iso non o nego, pero unha cousa distinta é abusar da súa posición, como fan moitas” .

A Xunta Directiva, e a Asemblea de persoas comuneiras, cando se iniciaron as negociacións polo repotenciamento tíñano moi claro: non querían que o parque eólico marchara das súas terras pero tampouco estaban dispostas a aceptar unha miseria de renda anual.
Nas primeiras conversas da Xunta Directiva co Observatorio Eólico xa quedou moi claro que a posición da CMVMC debía ser de forza polos prazos dos contratos e porque unha renovación do contrato actual, o que pretendía a empresa, non se debía desligar do posible repotenciamento. Lorena Muñiz considera que “a axuda do OEGA foi moi importante para o inicio das negociacións coa empresa. Abríronnos os ollos como ninguén fixera antes”.
O OEGA non participou directamente na negociación pois a CMVMC contratou a xuristas para que a representaran. O contacto entre estes xuristas e o OEGA foi perfilando o contido da negociación que finalmente se asinou nunhas condicións boas para as dúas partes.
A empresa consegue seguridade xurídica, paz social e o apoio explícito ao seu proxecto por parte da CMVMC, propietaria das terras eólicas. E esta consegue un incremento moi significativo da cota anual (80%) e unha garantía de potencia mínima (18MW) cando se produza o repotenciamento. Polo camiño ficaron uns cantos milleiros de euros adicionais e a demanda de luz gratuíta para a veciñanza, pero o resultado final fortalece á CMVMC Barbanza de Postmarcos para poder continuar desenvolvendo os seus proxectos produtivos e non produtivos na súa terra comunal.