Durante varios meses o equipo de goberno do concello de Muras preparou silenciosamente a súa estratexia para conseguir que o repotenciamento dos dous primeiros parques eólicos (de 19) deixaran no seu territorio máis recursos, máis renda e máis contribucións ao benestar da cidadanía. E abofé que o conseguiron: a súa tenacidade, constancia e saber facer permitiu alcanzar un acordo histórico para Muras e, por extensión, para o sector eólico galego.
Desde o momento inicial o Observatorio Eólico estivo a participar no equipo de traballo que apoiaba ao Concello na súa estratexia. Xunto con outros técnicos, xuristas e enxeñeiros, o OEGA desenvolveu un rol clave nese proceso. En palabras do alcalde Manuel Requeixo, “este resultado non tería sido posible sen o nivel de coñecemento que temos en Muras da enerxía eólica, e iso témolo polo traballo previo que o equipo do OEGA fixo durante anos en Muras”. O alcalde refírese, sobre todo, ao libro que foi publicado en 2022 e que podes consultar aquí. Por outra parte, nos momentos máis quentes da negociación con Iberdrola, sinala o alcalde, “a experiencia do profesor Simón serviunos para valorar na súa xusta medida o que as partes na negociación estabamos a tratar”.
Os parques que se repotencian
A produción de Muras I e Muras II, ata 2023, permitiu producir mais de 3.100 GWh o que se traduciu nunha facturación superior aos 253 millóns de euros (en unidades correntes). Estímase que durante ese período evitáronse 400 mil toneladas de CO2. Eran 74 aeroxeradores dunha potencia unitaria de 0,66 MW. Tratábase de aeroxeradores que parecen de xoguete ao lado dos actuais: 40 metros de altura e pas de 20 metros.
Muras I foi posto en marcha en 1998, o primeiro que se erguía en Muras e na Serra do Xistral. Muras II, xemelgo de Muras I, foi montado dous anos despois.

Estes dous parques eólicos, de feito un único parque, están asentados en terras privadas, individuais. No seu momento a empresa Gamesa, a promotora do parque eólico, co apoio incondicional do concello de Muras daquel entón, adquirira esas terras por “catro pesetas”, segundo puidemos recoller durante o noso traballo de campo. A veciñanza dicíanos, “nós non sabiamos nada de enerxía eólica, ninguén nos abriu os ollos, e o alcalde daquela dicíanos que asináramos, que era o mellor” e iso levounos a malvender as súas propiedades. Durante estes anos de produción eólica, o concello só recibiu os tributos (Imposto de Bens Inmobles e Imposto de Actividades Económicas) máis unha parte proporcional polo canon eólico, desde 2011.
O novo parque
Iberdrola Renovables Galicia, S.A., a empresa promotora, conseguiu en marzo do 2025 a autorización administrativa tanto para o desmantelamento dos anteriores parques como para a a construción do novo, así como, en xaneiro do 2025, a declaración de impacto ambiental. O proxecto seguiu todas os pasos fixados pola Lei 8/2009 do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental e pola Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental.
O orzamento de execución material do desmantelamento sitúase nos 2 millóns de euros.
A potencia do novo parque é de 47,3 MW. Estímase unha produción anual de case 156 GWh, superior a calquera dos anos previos de funcionamento. Serán 11 aeroxeradores de 4,3 MW de potencia unitaria, terán unha buxa de 84 metros de altura e unhas pas de 58,5 metros.
O parque eólico seguirá nos mesmos concellos (Muras e Ourol) e requirira un investimento de 41 millóns de euros. O goberno de España concedeulle unha subvención á empresa promotora ao abeiro do Programa de Repotenciación Circular, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia a través das bases reguladoras do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico, publicadas no B.O.E. núm. 270, de 10 de novembro de 2022). A contía da subvención alcanzada pola promotora é de 11 millóns de Euros.
A negociación
Para o OEGA o proceso desenvolvido polo grupo de goberno do concello de Muras é una experiencia con altas doses de innovación que servirá para outros procedementos negociadores, sempre mantendo una vinculación ao contexto local e enerxético do que non se pode desligar unha negociación deste tipo. As “mañas” do alcalde e do seu equipo non se poden exportar a outro territorio. Pero as leccións aprendidas si. E niso, o Observatorio pode dicir que está mellor preparado para continuar con máis forza e determinación os procesos de negociación abertos noutros territorios.
O concello de Muras non recibía ningunha renda anual diferentes aos tributos e o canon eólico. Durante os próximos 25 anos recibirá cando menos o 2,5% da facturación bruta, cun mínimo de 200.000, e 125.000 euros anuais para sufragar o innovador programa municipal de financiamento do consumo eléctrico para as familias e as empresas.
O acordado entre o Concello de Muras e a promotora do parque eólico significa que o actual modelo enerxético permite fórmulas alternativas de avance dos investimentos: desenvolvemento eólico con participación local asociado a paz social e seguridade xurídica. Se cabe, este acordo ten maior relevancia por ter sido alcanzado entre un dos principais promotores eólicos en Galicia, Iberdrola Renovables Galicia, SA, e un concello pequeno e rural como Muras.
Este traballo do OEGA non sería posible sen o apoio incondicional das Fundacións que forman parte do seu padroado: a Fundación Isla Couto, a Fundación Juana de Vega e a Fundación Paideia Galiza.