Comunidades enerxéticas solidarias para unha transición xusta, inclusiva e equitativa
8 Novembro, 2025
Autor: OEGA
0 Comentarios
INSTA, unha sociedade cooperativa cuxo principal compromiso sitúase na protección ambiental desde o ámbito xurídico, desenvolveu un proxecto sobre comunidades enerxéticas solidarias. Partindo do feito de que os actuais modelos de comunidades enerxéticas reproducen as desigualdades de xénero, de formación e nivel educativo así como diferenzas socioeconómicas, INSTA desenvolveu un proxecto participativo, en tres territorios, para tentar identificar as principais barreiras que limitan o nivel solidariedade coa que se executan.
Un deses territorios foi Galicia. O OEGA participou en dous seminarios. O primeiro foi celebrado no CISAPC, no Edificio Fontán da Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela. O obxectivo dese obradoiro foi repasar o estado de desenvolvemento das comunidades enerxéticas nas 4 provincias galegas. A nosa experiencia de traballo no proxecto EC4RURAL resultou de interese para todos os participantes.
O segundo seminario foi o de peche do proxecto. Tivo lugar en Madrid, e o OEGA foi convidado a participar en representación das iniciativas de transición enerxética comunitaria de Galicia. Canda nós, tamén participou a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Tameiga, de Mos, Pontevedra. Neste seminario en Madrid estaban representados os outros dous territorios: Cataluña e Estremadura.
OEGA compartiu con todos os asistentes a perspectiva galega sobre transición enerxética e algunhas das aprendizaxes que se teñen obtido despois de varios anos mergullados no ámbito comunitario da transición.
Finalmente, queremos destacar algunhas dos factores de impacto identificados. Primeiro, as comunidades enerxéticas son espazos de innovación social que permiten fortalecer a cohesión social e territorial. En segundo lugar, a perspectiva multiactor, onde participan actores locais diversos, incluídas as administracións locais, que deseñan estratexias colectivas para a transición permiten engadir ese carácter solidario e inclusivo que agora se detecta como algo ausente. Finalmente, no caso galego destaca o impacto potencial que tería unha estratexia de transición enerxética comunitaria comandada polas Comunidades de Montes.