O OEGA continúa a colaborar co Laboratorio Ecosocial do Barbanza para impulsar a transición enerxética comunitaria
31 Xaneiro, 2025
Autor: OEGA
0 Comentarios
Este martes 28 de xaneiro celebrouse o segundo encontro aberto sobre a creación dunha comunidade enerxética no Barbanza, liderado polo OEGA
A xornada estivo organizada polo Laboratorio Ecosocial do Barbanza e tivo como principal obxectivo dar continuidade ao traballo previo para apoiar a todo o tecido social e a cidadanía nunha transición enerxética xusta, sustentable e viable.
O OEGA, a través de Xavier Simón, catedrático de Economía Aplicada na Universidade de Vigo e membro do CISPAC, desenvolveu unha presentación participativa para promover a creación do grupo tractor local. Segundo Simón, “a principal limitación do avance deste tipo de iniciativas non é tecnolóxica, financeira ou xurídica senón social. Se non hai mobilización e compromiso social, se non hai cidadanía enerxética local, este tipo de transición no se levará a cabo”. O representante do OEGA referiuse tamén ao feito de que hai modelos de transición de chave en man nos que a cidadanía só ten que agardar a que outros realicen todo o necesario, incluído o financiamento. Pero segundo as súas palabras “nós defendemos procesos de transición nos que a cidadanía participa activamente. É como nas traídas veciñais. Sen o acompañamento e o traballo local non habería auga en moitas casas. Pois coa enerxía pódese facer o mesmo”.
Todos os actores locais mostráronse partidarios de seguir adiante co proceso de empoderamento comunitario para a transición enerxética. Entre eses participantes estaba a Comunidade de Montes de Araño, a Asociación de Veciños e Veciñas da mesma parroquia rianxeira, outras comunidades de montes, como as de Isorna, Leiro, Paradela e Baroña e a Plataforma pola Defensa do Monte, unha entidade comarcal que agrupa a numerosas entidades en defensa e posta en valor do monte. É destacable tamén a participación do Concello de Rianxo. O seu representante mostrouse plenamente partidario de avanzar na transición enerxética apoiando e participando en todas as iniciativas comunitarias.
O seguinte pasos a dar, que OEGA coordinará, será a realización dun estudo enerxético e económico que permita a toma de decisións locais a partir de datos e información específica sobre o funcionamento de instalacións de enerxía eléctrica que aproveiten os recursos locais.
O Observatorio Eólico de Galicia é un think tank da Universidade de Vigo sobre transición enerxética xusta que conta co apoio da Fundación Isla Couto, da Fundación Juana de Vega e da Fundación Paideia Galiza.