Avanzando na transición enerxética liderada polas comunidades locais
24 Setembro, 2024
Autor: OEGA
0 Comentarios
Por segundo ano consecutivo, o Observatorio Eólico de Galicia organiza unha xornada divulgativa centrada na transición enerxética liderada polas comunidades locais. Será o día 21 de novembro e terá lugar na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Vigo.
A xustificación da xornada
En Galicia existe unha estrutura enerxética para a produción eléctrica cun forte peso das enerxías renovábeis. Así, sitúase coma unha potencia renovable e amosa un dos maiores estándares de transición enerxética limpa de toda Europa.
O modelo eléctrico galego é considerablemente verde, e contribúe relativamente pouco á emisión de gases de efecto invernadoiro. Sen embargo, os seus impactos sociais, económicos e tecnolóxicos nas localidades onde se produce esa enerxía descarbonizada son baixos. Nas comarcas con vocación enerxética non se observan efectos diferenciais significativos no ámbito socioeconómico ou tecnolóxico.
Os cambios normativos no mercado eléctrico, impulsados pola Unión Europea, abriron unha fiestra de novas oportunidades para esas comunidades locais. Son as Comunidades de Enerxía Renovable e as Comunidades Cidadás de Enerxía. Con elas preténdese facer partícipes ás comunidades locais dos beneficios sociais e económicos dos procesos de transición enerxética.
En Galicia o seu desenvolvemento é moi incipiente. Temos un certo atraso relativo no avance deste tipo de iniciativas en comparación con outros territorios europeos. Sen embargo, ducias de iniciativas están en marcha, con diferentes niveis de madurez. Algunhas xa producindo e autoconsumindo enerxía por gandeiros e gandeiras, por concellos, pequenas e medianas empresas e cidadás mediante solucións colectivas, comunitarias. En cambio, a maioría atópanse en pleno proceso de constitución e deseño dos modelos de negocio. Estas cóntanse por ducias delas. Outras están en fase inicial, dando os primeiros pasos para configurar a base social necesaria que empurre as alternativas colectivas para a transición enerxética.
O contido da xornada
Nesta xornada, que dá continuidade á primeira edición celebrada o ano pasado, quérense presentar a todos os actores que están a traballar nese novo eido da transición enerxética. Para a Universidade de Vigo é imprescindible o papel que xogan as administracións. Por iso, contamos neste evento coa participación da administración galega, o actor principal dese proceso. Pero non podemos esquecer nin ás Deputacións nin aos Concellos. Eles son, desde o noso punto de vista, os actores clave para o avance das comunidades enerxéticas en Galicia nas súas diversas modalidades.
Finalmente, quérese aproveitar este evento para lanzar unha iniciativa na que vimos traballando desde o Observatorio Eólico de Galicia no último ano e medio: o lanzamento do proceso social e participativo para a constitución do primeiro parque eólico comunitario de Galicia.
O programa definitivo será publicado en breve
Máis info
Se queres reservar un lugar para ti e a túa organziación, inscríbete aquí
Se queres máis información, escríbenos a observatorio.eolico@uvigo.gal