Boom de peticións de grandes parques eólicos a través do Ministerio
9 Decembro, 2020
Autor: OEGA
0 Comentarios
Ata agora todos os parques eólicos existentes en Galicia teñen menos de 50 MW, sendo autorizados pola Xunta de Galicia. Desde hai uns anos comezamos a observar que algúns promotores iniciaron o procedemento para solicitar ao Ministerio a autorización de diversos parques (sempre de potencias superiores a 50 MW ou situados entre dúas comunidades autónomas). Sobre eses intentos iniciais pouco se sabe na actualidade. Sen embargo, no último ano o proceso semella que tomou un novo impulso.
Desde o Observatorio Eólico de Galicia facemos un seguimento das diferentes fontes que nos permiten acceder ao estado deses procedementos de tramitación. Fundamentalmente, son dúas as fontes:
A sede electrónica do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico, onde se pode acceder a diferente documentación de cada un dos parques eólicos en tramitación, mediante este enlace. Na actualidade temos contabilizados 36.
O Boletín Oficial do Estado. Ningún parque eólico previsto en terras galegas alcanzou aínda o Boletín do Estado. Iso significa que non hai ningunha petición de autorización previa (a primeira fase do procedemento de autorización que require publicación no BOE) para ningún parque eólico de máis de 50 MW en terras galegas.
No mapa anexo pódense consultar as principais características deses 32 parques eólicos. Ademais, incluímos algunha información adicional na Táboa que acompaña esta nova.
Basicamente estamos a falar de parques eólicos que totalizan máis de 2.500 MW, o que representa máis da metade da capacidade instalada en Galicia no 2020. Obsérvase que o promotor máis activo nesta vía é Greenalia, con preto de 1000 MW. O parque máis grande é o proposto por Desarrollos Renovables Iberia Gamma, SL, de 170,5 MW, e proponse situalo no oriente galego. Os aeroxeradores previstos van desde os 3 MW ata os 6,2 MW. Estes aeroxeradores de potencia unitaria descoñecida en Galicia son os propostos por EDP Renovables para dous parques eólicos na provincia de A Coruña.
O marco xurídico que regula a autorización de parques eólicos a nivel do goberno español é diferente ao que existe en Galicia. Entre elas citamos as seguintes diferenzas: a avaliación do impacto ambiental e a súa declaración son previas ao inicio da petición da autorización da construción do parque eólico; esta autorización, incluídas súas instalacións anexas (a liña de transporte de enerxía) realízase nun único procedemento administrativo; non existe procedemento express na información pública.
Segundo o establecido na Ley 21/2013, de 9 de diciembre, de evaluación ambiental, todos os proxectos que buscan a súa autorización polo Ministerio serán sometidos a avaliación ambiental ordinaria. De forma potestativa, algúns deses proxectos solicitaron ao órgano ambiental a emisión do documento de alcance do Estudo de Impacto Ambiental. Todas as peticións de parques eólicos, segundo establece o artigo 34 da mencionada Ley, deben someterse a unas actuacións previas mediante a consulta a diversas administracións e persoas interesadas. Nalgunha desas dúas fases están a totalidade dos proxectos presentados ao Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico.